Barbantia apadriñou a primeira obra literaria de Manuel Mariño


A sala de reunións da casa de cultura de Porto do Son converteuse antonte en escenario da presentación do último libro do escritor Manuel Mariño. Barbantia apadriñou a primeira obra literaria dun autor que é xa un vello coñecido: «Xa colaboramos máis veces na publicación das obras etnográficas e históricas de Mariño» afirmou Alberto Piñeiro, coordinador da entidade cultural.

Na presentación, á que acudiron máis dun cento de persoas, estiveron presentes, ademais de Piñeiro e o propio Manuel Mariño, Patricia Torrado, estudante de Filosofía e amiga do escritor, e David González Couso, director de publicacións da editorial Toxosoutos, que se encarga do lanzamento e distribución da obra. Alberto Piñeiro foi o encargado de xustificar a ausencia das autoridades da vila: «O alcalde e os concelleiros tiveron que acudir ao pleno», afirmou.

Na súa intervención, o coordinador de Barbantia destacou que «esta é a primeira obra literaria de Mariño». O libro, que leva por nome O peto de cartón. Conversas cun vello mestre, fai un percorrido pola historia do galego ao longo dos séculos a través dos diálogos dun neno de 14 anos cun vello profesor. De pano de fondo, «está o mar, que representa a vida e a morte e que se mestura coa historia principal», remarcou Piñeiro.

Despois tocoulle a quenda a David González. O representante da editorial que xa publicou varias obras de Mariño, mostrou o seu compromiso «co traballo deste gran historiador». Tras a súa intervención, tomou a palabra Patricia Torrado quen, a través dunhas cantas preguntas, logrou que Manuel Mariño desvelase algunhas das claves da súa primeira novela ficticia.

Casualidades

O historiador explicou que o libro «é froito das casualidades», pois naceu hai máis de 20 anos da necesidade deste profesor de explicarlles aos seus alumnos a historia da lingua galega a través dos séculos. Tamén deixou claro que os primeiros destinatarios da súa obra «son os alumnos dos institutos e dos colexios». Por esta razón, a editorial Toxosoutos comprometeuse a estender O peto de cartón «polos centros educativos», como afirmou David González.

O coordinador de Barbantia aproveitou o acto de presentación para anunciar as datas das dúas próximas actividades culturais. O 16 de outubro é o día elixido para a presentación dun libro de Agustín Agra. O acto desenvolverase na casa cultural de Noia a partir das 20.30 horas.

O día 31 do mesmo mes terá lugar a presentación das últimas obras da escritora e xornalista Rosa Aneiros. Trátase das novelas Sol de inverno e Ás de bolboretas. Tamén detallou o programa de actividades do mes de novembro que estarán centradas en varias xornadas dedicadas á figura do tamén escritor Anxo Rei Ballesteros.

O acordeonista Carlos Peón foi o encargado de poñer fin á cerimonia de presentación coa interpretación dalgunhas pezas do seu repertorio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Barbantia apadriñou a primeira obra literaria de Manuel Mariño