«Segunda pel» é o título da exposición que o pintor carnotán terá ata o día 20 de setembro na Coruña
07 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Nando Lestón (Canedo, 1966) defínese, ante todo, como pintor, a pesar de que, no canto de lenzo, tende a usar calquera cousa que atope a man como soporte para as súas pinturas, como en Segunda pel, na que utiliza troncos queimados. A súa vocación artística espertou e cobrou sentido na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo, en Santiago, onde Lestón estudou hai xa máis de 15 anos.
-¿Como xurdiu a idea de «Segunda Pel»?
-Foi unha emoción, non unha idea. No 2005 houbo un incendio descomunal en Carnota. Durou dous días e eu graveino. Vendo cómo quedaron as árbores, espidas, mostrando a súa forma primitiva, decidinme a facer unha intervención sobre elas. Comecei cun só tronco, pero ao final fixen vinte. Creo que é unha obra útil, porque, aínda que o feito de que se queimase o monte é triste, a mostra fala da esperanza de que se rexenerará, non da penuria polo sucedido. Serve para que os nenos valoren a natureza.
-Nesta mostra usa troncos queimados como soporte. ¿É frecuente que reutilice materiais para as súas obras?
-A partir de Segunda Pel abríuseme esta posibilidade. Converter obxectos en obras de arte dotándoos doutra identidade non é reciclaxe, senón reutilización, porque os obxectos non se modifican, só cambia o seu uso. De tódolos xeitos non sei se este seguirá a ser o meu camiño.
-¿Que disciplina artística é a que máis lle atrae?
-Eu defínome como pintor, pero derivo a miña pintura sobre calquera tipo de soporte. Tamén fago pequenas intervencións de escultura e intento mesturar música, pintura e vídeo documental nas miñas exposicións para que todas estas disciplinas poidan dialogar entre si e formar un discurso común.
-¿É posible vivir da arte?
-Eu vivo única e exclusivamente do meu oficio. Ás veces é difícil chegar a vivir folgadamente, pero eu abordo cada vez obras máis complexas e visualmente fortes para seguir chegando a moitos públicos.
-¿Hai algún artista ao que tome como referencia ou ao que admire especialmente?
-Claro. Eu só son a última folla dun libro enorme chamado arte, e diante teño a grandes como Castillo, Millares, Barceló, Dalí, Velázquez... Eles son a quen miro. A arte contemporánea decepcióname, aínda que eu formo parte dela e tamén decepcionarei a alguén. Intento buscar a miña linguaxe, unha linguaxe rural e galega no sentido cultural, non folclórico, para que poida ser universal.
-¿Ten en mente algún novo traballo?
-Si. Levo todo o ano traballando nunha exposición chamada Deser crebas na que uso todo tipo de lixos que trae o mar: algas, cordas, caixas de peixe... Aínda me quedan dous ou tres meses de traballo.