Unha radionovela musical

E. Otero

BARBANZA

Esta semana verá a luz a nova proposta musical chea de ritmos do grupo ribeirense Os Chiquilicuatres

17 jul 2009 . Actualizado a las 10:37 h.

Que ninguén se confunda: Os Chiquilicuatres non son primos do penúltimo representante de España en Eurovisión nin serán os autores da canción que este verán soe infinidade de veces en radios, televisións e politonos, máis que nada porque o último disco deste grupo barbancés será, sobre todo, unha radionovela, aínda sen título definitivo, que chegará ao público a través de Internet.

Este é o segundo traballo dos Chiquilicuatres, que levan unidos baixo esta nomenclatura desde «o ano 2002 ou 2003», segundo explica Suso Bello, guitarrista e encargado da percusión e voz da banda. O resto dos membros son Alberto Millán, que se ocupa dos instrumentos de vento e as culleres; Fernando Pérez, que toca o clarinete e o saxo; Sabela Olivares, pianista, gaiteira e pandereteira; e Fernando Peón, baixista. Naquela época adoitaban percorrer Europa a bordo dunha furgoneta: «Estivemos en Escocia ou Italia tocando en bares. Este é o segundo ano que quedamos por España», comenta Bello.

A idea do disco xurdiu precisamente para reavivar a banda: «Este ano estivemos traballando pouco co grupo e, en maio, ocorréusenos que había que facer algo para que se vexa que seguimos vivos».

Un barco a pique

A liña argumental da historia radiofónica que recolle o disco, que leva un mes «cociñándose no estudo» é un tanto rocambolesca, pero serve á perfección ao propósito dos músicos: O capitán e os tripulantes dun barco, aos que poñen voz catro ribeirenses amigos do grupo, buscan desesperadamente o bitoque (una especie de tapón que levan as dornas no casco) para evitar afundir. Mentres, un mariñeiro sintoniza unha radio para tranquilizar aos compañeiros.

Nesa radio, dial tras dial, só soan Os Chiquilicuatres: «Trátase dunha mostra de todas as nosas facetas -explica Bello- podemos animar calquera ocasión, desde unha festa punk ata unha sesión vermú ou un hotel de luxo». Como proba desas palabras, no disco haberá ska, swing, pasodobre, complexos compases de folk, e mesmo «muiñeiras con gaita e e pandeireta que te transporten a unha romaría».

Ademais de todas estas melodías de composición orixinal, haberá pequenos «guiños a clásicos» como a película Grease , Os Panchos e A Compañía do Ruído.