Regreso ao pasado educativo

BARBANZA

No colexio O Grupo exponse material escolar antigo e ata unha recreación dunha aula dos anos cincuenta

25 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Realizar unha viaxe ao pasado do eido educativo é posible visitando a exposición que a noite do xoves se abriu no colexio O Grupo de Ribeira. Nela amósase diverso material, entre o que destaca unha recreación dunha aula propia dos anos cincuenta, na que non faltan os pupitres, a encerado ou a imprescindible fotografía de Franco.

Os elementos que integran esta parte da mostra foron cedidos polo Museo Pedagóxico de Galicia, pero para montar o resto da exposición achegaron o seu grao de area os alumnos e as súas familias. Colaboraron, por exemplo, coa sección de libros de texto e de lectura, na que figuran varias edicións de El Quijote .

No Grupo poden verse tamén elementos de laboratorio e do eido audiovisual, así como dispositivos empregados nos xogos populares que antigamente se practicaban nos colexios, entre os que destacan zancos, pelouros, mariola, aros, tiro de corda, ra, pano ou carreiras de sacos.

Inauguración concorrida

O acto de inauguración, que estivo presidido polo director do colexio, Anxo Corbelle, e pola concelleira de Educación, Juana Ermitas Crugeiras, contou coa asistencia dunhas sesenta persoas. Unha das partes da exposición que máis chamou a atención foi a composta por traballos manuais feitos por ex alumnos do centro. Destaca, por exemplo, unha reprodución do antigo edificio do Grupo, feita en marquetería.

A colección, que permanecerá aberta no colexio ribeirense ata o 10 de maio, complétase cun apartado no que se amosan unha serie de documentos, como cuños e títulos empregados nos sesenta anos de vida que ten O Grupo.

O comité encargado da organización dos actos para a conmemoración do aniversario está xa a traballar na preparación da seguinte actividade que se realizará. Será a finais de maio e consistirá na apertura dunha nova exposición, unha recompilación de documentos sobre a construción do colexio, así como de artigos que saíron publicados na prensa.

Coincidindo coa apertura desta mostra, impartirán unha conferencia José Antonio Otero e Emilio Rodríguez, autores dun libro sobre a historia de Ribeira, que falarán do proceso que rodeou a construción do Grupo, unhas xestións que comezaron a principios do século pasado.