Arousa Norte aposta polos bonos gastronómicos e rurais para San Valentín

BARBANZA

08 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha proposta para todos os petos e a posibilidade de gozar dos encantos da comarca e dos establecementos hostaleiros adheridos á súa campaña é a oferta da mancomunidade Arousa Norte para celebrar o día de San Valentín. A nova campaña da entidade ten como obxectivo fomentar o turismo de proximidade e baséase nos bonos gastronómicos e rurais que tanto éxito tiveron en anteriores campañas, entre elas a de Nadal.

Tendo en conta que a situación económica do país non pasa polo seu mellor momento, na mancomunidade pensaron que sería boa idea dirixir esta promoción a persoas de toda Galicia, e mesmo da bisbarra barbancesa, ás que o desprazamento aos establecementos da rede de Arousa Norte nos supuxera un custo económico demasiado elevado. Do resto, encárgase a mancomunidade.

Para comezar, dende a entidade propoñen unha comida ou unha cea coa degustación dos produtos máis ricos da comarca, con especial atención, por suposto, aos alimentos saídos da ría de Arousa. Polos 50 euros que custa cada bono gastronómico, calquera parella pode probar os menús preparados polos dez restaurantes adheridos á iniciativa e que están espallados pola comarca. Xoanes, Pimentón, Miramar, O Galeón, O Castelo, A Terraza de Chicolino, Punta Couso, Jenaro, Casa Isolina e O Portiño son os dez locais nos que a oferta está vixente.

E como complemento a unha boa cea, Arousa Norte ofrece os bonos rurais ao prezo de 55 euros e dez casas nas que poder adquirilos.

Regalos

Como novidade con respecto ás campañas anteriores, os bonos pensados para celebrar o día de San Valentín inclúen algúns regalos extra para as parellas. Así, ademais do aloxamento e almorzo para dúas persoas, os que se animen a sumarse á oferta recibirán unha botella de cava, froitas e bombóns.

Ao igual que no caso dos menús degustación, son dez os establecementos do Barbanza que ofertan este servizo: A Casa do Partín, Casa da Posta, Casa do Prado, Casa da Calzada, Casa da Ermida, Aldea dos Muíños, Casa Insuela, Casa Antiga de San José -esta foi a última en adherirse á iniciativa- e Hotel Rústico Teixoeira.

Estos negocios rurais ofrecen os bonos especiais de San Valentín, dos que as parellas poden gozar na mesma noite do 14 de febreiro, sempre e cando nos establecementos haxa dispoñibilidade de habitacións, ou ben adquirilos como un agasallo. As persoas que opten por esta última opción teñen un ano para facer uso deles.

Precisamente, a entidade Arousa Norte quere difundir a adquisición destes bonos como agasallo.