«A denominación de orixe e calidade servirá para dar un impulso definitivo ao sector»


Falar da construción de buques en madeira é facelo dunha actividade vinculada á cultura e ao patrimonio marítimo, que require do protagonismo propio dun gremio que ten no noroeste peninsular o seu último reduto produtivo. De aí que xurdira a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira, cuxa sede radica en Boiro, e o seu presidente é o empresario Gerardo Triñanes Fernández (Boiro, 1961).

-En febreiro anunciou a creación dun novo regulamento para este sector artesanal. ¿Como se atopa na actualidade este tema?

-Estamos na primeira fase, que consiste na recollida de datos sobre esta actividade, así como a recompilación de información de como está a normativa comunitaria no que a manipulado de madeira se refire. A idea é presentar o informe ao longo deste mes.

-Di vostede que a nova normativa estará redactada dentro de dous anos, ¿é moito ou pouco tempo?

-Facer un novo regulamento é unha tarefa que leva moito tempo conseguir, xa que todos os pasos deben consensuarse coa Dirección Xeral da Marina Mercante, debido a que as competencias na construción naval as ten o Goberno Central e non a Xunta. O papel da sociedade de clasificación de buques Bureau Veritas é o de verificar que todo segue o curso establecido.

-Entón, ¿que papel xoga a Consellería de Industria en todo este proceso?

-Grazas ao compromiso mostrado pola directora xeral de Innovación, Elena Veiguela, a elaboración deste informe oficial non lle custará un só euro a Agalcari, xa que será a Xunta a que sufragará todos os gastos que se derivan destas actuacións.

-¿E para cando ese selo de calidade que tanto reclaman os profesionais?

-Iso levará moito tempo, aínda que non lle podo adiantar datas concretas porque non existe ningún precedente dentro do ámbito da artesanía.

-¿Que supón ter este distintivo?

-A denominación de orixe e calidade servirá para dar un impulso definitivo ao sector, ofrecendo un produto que leva consigo un maior valor engadido, xa que na práctica o que se ofrece é unha embarcación única e diferenciada do resto, porque non se esqueza de que non hai dous barcos iguais porque case todo se fai a man.

-Ademais traballan con materias primas que respectan o medio ambiente.

-É unha das claves do noso traballo. O consumo enerxético é moi baixo e os materiais empregados non son agresivos coa natureza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

«A denominación de orixe e calidade servirá para dar un impulso definitivo ao sector»