Inmersos na lenda de Sálvora

BARBANZA

Os alumnos do colexio de Aguiño fan un traballo relacionado coas sereas e as heroínas da illa arousá

11 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Sálvora forma unha parte fundamental da historia de Ribeira. Conscientes diso, os mestres do colexio de Aguiño decidiron amosarlle aos nenos as lendas que agocha a illa arousá. O proxecto, que empezou a desenvolverse hai uns días no centro, foi recoñecido pola Xunta, que lle outorgou un premio á innovación no eido da normalización lingüística.

Neste primeiro trimestre do curso, o traballo estase a centrar en cuestións de tipo organizativo: a elaboración dun blog, o estudo da toponimia relacionada coa illa ou a procura de información sobre os acontecementos máis importantes que alí tiveron lugar, como o afundimento do buque correo Santa Isabel e o papel que desenvolveron as heroínas de Sálvora.

A nivel práctico, a primeira iniciativa que levaron a cabo os nenos de Aguiño consistiu en facer unha reprodución do Escudo de Castelao, a partir do que se pretende elaborar un emblema para o colexio.

A curto prazo, a comunidade escolar fará unha maqueta da illa con distintos materiais de refugallo, que servirá para traballar sobre a toponimia e para interpretar o escenario das lendas que se crearon ao redor do naufraxio e das sereas.

Premio anual

O proxecto deseñado polo profesorado inclúe tamén unha visita á illa xa que, pese a estar tan preto de Aguiño, moitos nenos nunca tiveron a oportunidade de visitala. Do mesmo xeito, o colexio pretende establecer o premio anual Heroínas de Sálvora, co fin de entregarllo en cada edición a unha persoa relacionada co mundo do mar, como recoñecemento ao seu labor.

Entre as actividades programadas polo centro atópase tamén un obradoiro de sensibilización de cara á diversidade funcional, que será impartido por Enma Mayo. Da súa man, os nenos aprenderán a sentir o mar sen a necesidade de utilizar os ollos.

Organización de conferencias, procura de poemas e obras plásticas relacionados co mar, establecemento dunha videoconferencia e realización de xogos en liña completan este ambicioso proxecto no que o galego será o idioma a empregar.

No desenvolvemento deste amplo paquete de actividades, ademais do alumnado, do equipo directivo e de todo o profesorado do colexio de Aguiño, tamén están implicados os membros da asociación de pais e os colectivos Sagres e Manisdixital.com.