Álvaro Mutis viviu de cheo o efecto Barbantia e gozou da comida e os espazos de Barbanza

BARBANZA

28 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A presenza do escritor colombiano Álvaro Mutis en Boiro foi, quizais, o maior logro de Barbantia desde que a entidade se puxo a funcionar, pois trátase dun dos autores máis galardoados das letras hispánicas, xa que, entre outros premios, ten o Príncipe de Asturias de 1997 e o Cervantes do 2001. Pero a súa comparecencia fíxose esperar, xa que, preto das dúas chegaba ao salón de actos da casa da na que o esperaban un cento de persoas que non se deixaron levar polas gañas de almorzar. E alí viviu de cheo o efecto Barbantia que consiste en manter acendida a chama da cultura o que mereceu os eloxios dos escritores que se deron cita no acto, para, despois, gozar da comida e de espazos naturais como A Curota, onde é visible a pegada de Valle-Inclán.

Poucas veces terán os barbanceses ocasión de atopar no mesmo escenario a Manolo Rivas, Álvaro Mutis, Bieito Iglesias, González Tosar, Gonzalo Navaza, Camino Noia e Antón Riveiro Coello. Pero había tan pouco tempo para escoitalos que falaron todos, xunto co alcalde, Xosé Deira, en pouco máis de media hora. Pouco, pero profundo.

As intervencións de Mutis cinguíronse só á lectura do seu poema en prosa La soledad , e máis a explicar a súa admiración polo Apóstolo Santiago, por ser como era, valente e solitario, e por ter o mesmo nome que seu irmá e seu pai. E sen falar demasiado deixou moitas sensacións de bonhomía que transmitiu por medio da súa voz limpa e clara, -«de película», apuntoume Alberto Piñeiro- un sorriso que emitía luz e xestos de agradecemento á calor do público.

González Tosar explicou a Mutis que Martínez López, que da nome á casa de cultura, foi un galego universal que no seu exilio coñeceu a persoas que tiveron relación con autores que tamén foron amigos e coñecidos do colombiano. Acto seguido leulle un poema da súa autoría que o propio Tosar traduciu ao galego, e o autor chegou a admitir que lle gustaba máis en galego que en español.

Eloxios ao marco

Camino Noia practicamente centrou a súa exposición a eloxiar o espazo no que se atopaban, sinalando que en poucas vilas hai casas da cultura coma a de Boiro, e tamén á xente que asistiu ao acto, por ser tanta nunha hora tan inapropiada para un encontro cultural. A mestra sinalou que a literatura galega está nun bo momento, xa que hai moitos e grandes autores, e animou a todos eles a seguir escribindo na lingua propia: «Defendamos o noso, que sempre cremos que o mellor é o de fora. Primeiro nós, e lo que nos coñezan por aí», sinalou falando da escrita en galego.

Gonzalo Navaza, pola súa banda, falou dos efectos milagrosos que ten a palabra, referíndose a que a literatura permite resarcir aos lectores do mundo real con outros mundos irreais: «A palabra é un antídoto, un bálsamo dos momentos terribles», afirmou, e insistiu no seu concepto milagroso porque «logra facer un mundo máis vivo e agradable».

Bieito Iglesia referiuse á recente polémica coas declaracións de George Steiner sobre a lingua galega, e recoñeceu o mérito do filósofo por saber rectificar, pero aproveitou para facer rir aos presentes ao apuntar que hai un establecemento de alterne polas estradas de Galicia que se chama Pen Club, coma a asociación de escritores que preside Tosar, e que lle fixo graza pensar nas conclusións que sacarían os clientes ao ler a noticia da rectificación de Steiner, na que pedía desculpas aos membros do Pen Club -de escritores-: «¿Que pensarían eles ao ver iso nos xornais?», preguntouse Iglesias.

Manolo Rivas apuntou que Galicia ten que apostar por desempeñar un papel de embarcadoiro e desembarcadoiro, porque polo mar chegou unha parte importante da súa cultura e por ser terra de emigración e de diáspora, e fixo un simil da literatura coa historia de Ulises.

O alcalde de Boiro, Xosé Deira, pechou o acto destacando que Galicia viviu nos últimos días dous acontecementos históricos protagonizados por dúas personalidades: a visita de Stephen Hawking e a de Álvaro Mutis. O mandatario fixo unha contraposición ao apuntar que o físico anunciou que o futuro da humanidade está no espazo, mentres que Mutis é un escritor que xunto aos demais creadores literarios transmiten a mensaxe, a través das súas obras, de que o futuro do home está «aquí abaixo, que estamos no mellor medio posible». Deira comprometeuse a ler unha obra de Mutis antes do Nadal.