XIII Edición da Festa do Termo en Ribeira

A orixinal celebración ribeirense xurdiu hai trece veráns nun grupo de amigos que andaban de troula.


A Festa do Termo é unha celebración singular, non cabe dúbida. Tan só hai que ter en conta como naceu, nun bingo, marcada polos caprichos da sorte e da casualidade. Ano tras ano a cousa foise consolidando, aínda que polo de agora non existe unha data fixa na que encadrar a celebración. O que si está claro é que, desta volta, os encargados de poñer o broche de ouro serán Rasa Loba e Jabón Blue.

E é que nesta edición xa se celebrou a tradicional cea termal, a segunda semana de agosto, pero aínda queda pendente outra cita clásica da festa. Así, a noite do xoves no Malecón, o Festival Termal pechará as celebracións. Subirán ao escenario os citados Jabón Blue e a nova banda de Toñito de Poi, Rasa Loba.

Sorpresas

Os organizadores prefiren non desvelar todos os segredos deste festival, no que ademais do gran concerto de rock haberá outras sorpresas. Unha das tradicións da festa que queda pendente é a lectura do pregón, que podería celebrarse esa noite. «No festival non faltarán os clásicos do Termo. As actividades que non se fixeron ata o momento realizaranse esa noite, na que tamén haberá algunhas novidades», dixo Juancho Rivas, membro da comisión.

Está previsto que o pontevedrés Rafael Pintos acuda ao festival inmerso nunha das súas múltiples personalidades, a do vampiro Wladimir Dragossan, para ofrecer ao público un sorprendente espectáculo. O demais serán todo sorpresas.

Tradición

Todo comezou no mes de agosto de 1996, cando un grupo de amigos apuraba as derradeiras horas de diversión nas festas do verán de Ribeira. Xa que a noite estaba algo aburrida e non había demasiado ambiente, os protagonistas da historia decidiron sentarse a botar unhas partidas de bingo. Ningún deles sospeitaba que aquel xogo cambiaría o resto das súas vidas. A sorte premioulles con medio bingo, que trocaron por un termo vermello co que acudiron ás tascas da cidade para continuar a festa.

Ao día seguinte, e tras reparar con cinta illante as feridas que o desenfreo da noite lles provocara ao utensilio, botárono ao mar cunha nota dentro cunha invitación a unhas copas a quen o atopase. Esta orixinal cerimonia supuxo o nacemento da Festa do Termo, que este verán celebra a súa décimo terceira edición.

Republicanos

Aínda que o máis importante do Termo, como en toda festa que se prece, é pasalo ben, a celebración tamén agacha un cariz reivindicativo. Os membros da comisión decláranse republicanos e así o fan notar no seu programa festivo. Cada ano nomean a un presidente da festa e incluso din posuír un pequeno territorio situado entre o fin de Ribeira e o comezo de Palmeira, que hai anos bautizaron como a república do Termo.

Cada nova edición da festa, os seus seguidores acoden ao lugar para colgar carteis co nome do distrito nos dous extremos dos seus límites, ler un manifesto e bailar a súa danza particular. E é que aos «termistas» non lles falta nin coreografía propia. Incluso teñen un saúdo particular, o puño na sen, e un grito de guerra, chang-pai, wanin-kai, a inscrición que levaba na tapadeira o termo orixinal.

Nunha ocasión, aos membros desta república tan singular ocorréuselles a idea de cambiar dunha vez por todas o nome da avenida General Franco. Fixeron réplicas das placas coa nova denominación da rúa, avenida do Termo, e pegáronas sobre as orixinais. «Foi todo un éxito porque houbo xente que pensou que o cambio era de verdade», di Toño Díaz, un dos membros da comisión organizativa.

Un dos eventos clásicos da Festa do Termo é a cea termal, á que acoden a comisión e todos os incondicionais da celebración. Hai cinco anos que a organización se irmandou coa Asociación da Farola do Praza e é neste emblemático bar de Ribeira onde se adoita celebrar a tradicional velada.

O pregoeiro tampouco pode faltar, un papel que xa asumiron personalidades da talla de Suso Bello, Marga Pazos, Quique Morales, Toñito de Poi ou o singular artista pontevedrés Rafael Pintos.

Outro dos clásicos é a entrega dos premios Termo Frío e Termo Quente. A comisión debate cada ano, e sempre en clave de humor, que personaxe é a merecedora de levarse o galardón positivo e o negativo.

Votación
6 votos

XIII Edición da Festa do Termo en Ribeira