Cultura e deporte conxugáronse na ruta Valle-Inclán

Os promotores da travesía de dornas aseguraron que repetirán a iniciativa


A ruta por mar entre Ribeira e A Pobra era unha das máis utilizadas polo escritor Valle-Inclán. Por isto o Ateneo de Ribeira e o Museo pobrense quixeron unir forzas para facer posible unha iniciativa común: promover unha regata de dornas a vela entre ambos municipios. «Esta idea xurdiu nunha reunión que tivemos ambas asociacións. Nada mais exporse, tirouse para adiante e decidimos contactar con Lajareu por Barlovento para dispoñer das embarcacións que realizarían o traxecto», comentou Tucho Lijó, secretario do Ateneo.

O proxecto consegue reunir tanto intereses culturais como deportivos. Isto supón que se achega a figura de Valle-Inclán a un público máis amplo, que se se organizase unha mera charla sobre o escritor.

Un total de dez barcos a vela saíron o pasado sábado dende o peirao ribeirense ao redor das catro da tarde. Cada un dos barcos ía tripulado por dous participantes. Acompañounos protección civil e unha embarcación tradicional a motor na que ían José Antonio Ventoso, que ten escrito libros sobre náutica e pesca tradicional; e Tucho Lijó.

A organización pretendía que a primeira dorna en chegar ao peirao da Pobra fose a do Ateneo. Sen embargo, os capitáns da nave pensaron que, como o bo sempre se fai esperar, eles non ían ser menos. Así, desviáronse cara a Rúa retardando o percorrido en mais de dúas horas. O resto de embarcacións, seguindo o protocolo de deixar chegar en primeiro lugar á principal protagonista esperaron preto do náutico da Pobra, nunha batea próxima, a chegada dos seus compañeiros entre risas e bromas.

A arribada a porto dos participantes supuxo unha auténtica festa, na que todos os chistes ían sobre a tardanza dos capitáns da dorna do Ateneo. Estes últimos defendéronse, entre gargalladas, afirmando que foran a Rúa tirar unha coroa de loureiro na honra da Virxe.

Na ría coincidiron ese mesmo día varias competicións de vela, polo que o espectáculo estaba máis que servido. Del gozaron tanto as decenas de embarcacións de recreo que sucaban o mar coma os bañistas e espectadores que se atopaban nas praias e no náutico pobrense.

Facéndose de rogar

A chegada das dornas á Pobra estaba prevista para as cinco e media. Sen embargo, como a duración dependía tanto do vento como das decisións da dorna principal, as embarcacións acabaron chegando sobre as sete e cuarto.

No peirao da Pobra esperaban o alcalde, Isaac Maceiras; o concelleiro de deportes, Jesús Dieste; e o presidente do Museo Valle-Inclán, Antonio González Millán. Pola súa parte, o secretario do Ateneo ribeirense, Antonio Lijó, foi testemuña de toda a ruta dende a embarcación a motor que seguía aos barcos. O grupo de gaitas A Gandaina de Palmeira, contratados pola asociación Amigos do Museo Valle-Inclán, recibiu aos participantes no peirao. Despois do percorrido, o Concello pobrense invitou a todos os presentes a uns pinchos na Queimada, onde degustaron xamón, tortilla, empanadas, orella e lombo. Tamén se ofreceu viño, cervexa e auga.

Vindeiras travesías

Tanto para os membros das asociacións organizadoras, como para os do executivo, a idea foi brillante e o proxecto probablemente se repita en anos vindeiros. Incluso cabe a posibilidade de que se faga o percorrido en sentido inverso, posto que era deste xeito como máis veces se coñece que cruzou a ría o famoso escritor ao que se lle rende homenaxe.

Pola súa parte, o alcalde pobrense afirmou que a travesía era unha forma diferente de achegar á xente a figura do escritor. O concelleiro de Deportes expresou o seu interese por estas iniciativas nas que a cultura e o deporte van da man. Os responsables do Ateneo e do Museo Valle-Inclán destacaron a importancia desta ruta para unir a ambos concellos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Cultura e deporte conxugáronse na ruta Valle-Inclán