Primeira experiencia cos nenos do colexio Galaxia

La Voz

BARBANZA

22 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

No marco da campaña de animación turística que a mancomunidade pretende desenvolver este verán, o martes pasado xa se levou a cabo a primeira actividade, consistente nun itinerario de sensibilización turística no que participaron corenta alumnos do colexio Galaxia. Os escolares tiveron a oportunidade de entrar en contacto cos valores naturais e culturais máis destacados do entorno no que residen, o territorio de Ribeira.

Entre as paradas que fixeron os nenos atópanse a localidade de Palmeira, onde contactaron coa cultura mariñeira; a Pedra das Cabras, onde recibiron información sobre valores ambientais; o faro de Corrubedo; o menhir de Bretal e o dolmen de Axeitos.

A persoa da mancomunidade que exerceu de guía, Irene Maneiro, explicou que a ruta guiada por Palmeira foi unha sorpresa tanto para os alumnos como para os tres profesores que os acompañaron ao longo desta experiencia. A maioría dos rapaces coñecían o pobo, pero non tiñan nin idea das singulares historias que se atopan detrás dos principais puntos de interese turísticos desta parroquia ribeirense.

Causou expectación, por exemplo, a orixe castrexa de Palmeira, concretamente o lugar do Castelo, onde se levanta unha estatua en homenaxe ao emigrante. Antigamente, alí existía unha fortaleza defensiva que foi derruída nas revoltas irmandiñas do século XV.

A realizada co colexio Galaxia non foi unha experiencia illada, senón que a intención da mancomunidade é repetila con outros centros educativos da comarca. Neste sentido, o obxectivo é que os nenos sexan os primeiros que aprendan a valorar a riqueza do entorno no que residen.