Seis colectivos da comarca intégranse na nova Rede de Asociacións Socioculturais Amigas da Lingua

La Voz

BARBANZA

16 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de crear a Rede de Asociacións Socioculturais Amigas da Lingua na comarca, iniciativa na que xa se integran seis colectivos da zona e que espera captar a máis socios unha vez sexa dada a coñecer.

A intención coa que xurdiu esta rede é, segundo explicou o coordinador da Mesa, Carlos Outeiral, servir como ferramenta para que as diferentes asociacións se interrelacionen e divulguen as súas ideas e as actividades que organicen a través de ela. En palabras de Outeiral, trátase de crear «un punto de encontro cibernético que se converta nun medio para espallar actos e iniciativas aproveitando as novas tecnoloxías».

A Rede de Asociacións Amigas da Lingua é un espazo común no que, mediante a utilización de Internet, os colectivos das comarcas de Barbanza, Muros e Noia poden comunicarse, intercambiar experiencias e coñecer as propostas de outras entidades. Polo momento, son seis as agrupacións que se decidiron a formar parte da iniciativa, entre elas a boirense Aturuxo ou Roi Soga de Lobeira, de Noia.

Carlos Outeiral mostrou a súa confianza en que, a medida que a rede se dea a coñecer e as asociacións culturais participantes espallen a súa existencia e contido, haberá novos colectivos dispostos a sumarse ao proxecto.

O correo electrónico é a ferramenta fundamental para o seu funcionamento e a través del as agrupacións estarán interrelacionadas, creándose un espazo que servirá, ademais, para debater e analizar a situación da lingua galega na comarca.