O Galle-rock quenta motores

BARBANZA

Catro bandas protagonizarán o sábado un concerto co que se pretende recadar fondos para o festival de agosto

14 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que, como ocorreu nos dous últimos anos, non será ata o mes de agosto cando o parque periurbano de San Roque se converta en escenario do Galle-rock, os afeccionados a este tipo de música non terán que esperar ata entón para escoitar o son das guitarras e das baterías. Os promotores deste festival, a asociación Bastantes Llon, organizou para este sábado un concerto co fin de recadar fondos para sufragar os nove mil euros nos que están presupostadas as actividades a desenvolver dentro de tres meses.

A cita que os barbanceses terán este fin de semana coa música recibe o nome de Festa das Letras, e os directivos de Bastantes Llon advirten que a do sábado será a primeira edición dun concerto que nace con vocación de continuidade. Nesta ocasión, ao escenario subiranse os rockeiros de Alecríns, A banda de José Manuel e El Llanto de un Ciego. Esta última banda caracterízase por interpretar versións de coñecidos grupos como Los Suaves ou Radio Futura.

Pola improvisada sala de concertos na que se converterá a partir das dez da noite a pista polideportiva de Area Secada, no Touro, tamén pasará Big Juan, unha agrupación ribeirense de hip hop .

Como o obxectivo principal desta festa é recadar fondos para o Galle-rock, as persoas que desexen presenciar as actuacións terán que pagar unha entrada de dous euros. Por un euro máis, poderán facerse tamén cunha rifa para optar a un premio en metálico de trescentos euros. Este sorteo, para o que xa se están a vender os boletos, terá lugar o 14 de xuño.

Obxectivo final

Aínda que os membros de Bastantes Llon fan un chamamento a toda a mocidade da comarca para que se sume á Festa das Letras, a asociación recoñece que o obxectivo no que está a traballar arreo nestes intres é o Galle-rock, un festival para o que xa hai datas: os días 14, 15 e 16 de agosto.

Posto que faltan tres meses para a esperada cita, o programa de actividades aínda non está pechado, pero a asociación cultural ribeirense xa está en disposición de anunciar boa parte dos grupos que pasarán polo escenario a instalar no parque de San Roque. O integrante da directiva de Bastantes Llon e organizador do festival do verán, Daniel González, explicou que xa hai oito bandas que confirmaron a súa presenza.

A xornada do 15 estará dedicada ao rock barbancés. Así, están previstas as actuacións dos noieses de Rebuzno e de Estravismo, e das bandas ribeirenses Ovos Chocos, Spinal Wins e Prestados.

Pero o día grande, musicalmente falando, será o 16, coincidindo coa clausura do Galle-rock. Será nesa xornada cando actúen Os dous de sempre, unha agrupación ribeirense especializada en flamenco rumba; e Os Chiquilicuatres, tamén de Ribeira, que aproveitarán a ocasión para promocionar o seu primeiro traballo musical, que foi presentado hai unhas semanas. De poñer o broche final encargarase Caleña, unha banda flamenca de Pamplona que actuará como teloneira en máis de dez concertos da nova xira de Extremoduro.