Barbanza gaña turistas

BARBANZA

No marco dun plan promovido pola Xunta, 130 mozos visitarán a comarca nos vindeiros fins de semana

19 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os encantos ambientais e paisaxísticos cos que conta Barbanza fixeron que fora unha das comarcas seleccionadas pola Xunta para participar no programa Naturalmente Galicia, destinado a ofertarlle á xuventude a realización de viaxes pola comunidade que inclúen a práctica de deportes e actividades de lecer. No marco deste plan, uns 130 mozos realizarán rutas polos municipios de Boiro, Ribeira, Rianxo e A Pobra ao longo dos vindeiros fins de semana.

O contido desta iniciativa foi presentado onte na casa consistorial de Boiro, nun acto que contou coa presenza do director xeral de Xuventude, Rubén Lois. Con el estiveron o rexedor local, Xosé Deira; a concelleira Dores Torrado; e a representante da cooperativa Xarelo, Paula Tubío. Esta empresa será a encargada de organizar as actividades que completarán as visitas dos mozos de entre 18 e 30 anos que se sumaron a esta iniciativa.

Rubén Lois explicou que esta é a primeira vez que a comarca barbancesa é incluída neste programa. Sinalou que esta decisión responde a un acordo que el mesmo adoptou hai tempo co colectivo empresarial Aetan, co fin de promocionar turisticamente a zona e de tratar de darlle un pulo ao sector hostaleiro.

Fins educativos

Lois comentou que o obxectivo principal é educar ao colectivo xuvenil en materia turística, para que os mozos se decaten da importancia que ten este sector e incluso aposten por dedicarse a el profesionalmente.

Os mozos que dentro de Naturalmente Galicia visitarán Barbanza entre este fin de semana e finais do mes de maio terán a posibilidade de gozar contemplando os recunchos da comarca que teñen un maior interese paisaxístico, pero tamén se achegarán aos principais xacementos arqueolóxicos e practicarán diversas actividades deportivas.

Entre as visitas que organizou a cooperativa Xarelo atópanse as que terán como destino o miradoiro da Curota, os Chans do Barbanza, o Dolmen de Axeitos e o parque natural de Corrubedo. Persoal desta empresa guiará aos mozos polas rutas de sendeirismo que conducen aos catros de Neixón e ao centro de interpretación de San Roque.

Completan a relación de actividades de lecer varias sesións de kaiak e de barranquismo.