Porta aberta á cultura

J. M. Sande

BARBANZA

A asociación Sorum estreouse organizando unha exposición con cadros de pintores e veciños de Muros

23 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Pozo do Cachón dá cabida estes días a unha exposición única por dous motivos ben distintos. Por unha banda, porque se trata dunha colección de obras pictóricas realizadas por diversos artistas de Muros e, por outra, porque é a primeira actividade que promove a asociación Sorum.

A inauguración da exposición contou coa asistencia do rexedor local, Domingos Dosil, quen estivo acompañado da deputada provincial Caridad González. Como non podía ser doutro xeito, no acto tamén se deron cita varios membros de Sorum, unha asociación presidida por Domingos Guerra París. Tampouco faltaron os artistas que realizaron os cadros, así como un bo número de veciños A apertura ao público desta colección de obras pictóricas serviu tamén como acto de presentación de Sorum, unha entidade que iniciou a súa andaina en Muros co obxectivo de contribuír, na medida do posible, a exaltar a importancia que o municipio ten en distintos eidos. A promoción das actividades culturais, artísticas, deportivas, patrimoniais e ambientais é o fin principal polo que loitarán arreo os membros deste colectivo. Pretenden dinamizar a vida social e animar a todos os veciños a sumarse ás accións que emprenderán.

Máis oferta

Neste caso, a exposición que montou Sorum abriuse ao público o pasado xoves e hoxe pechará as súas portas no Pozo do Cachón. O obxectivo era ofrecerlle aos muradáns e aos visitantes unha alternativa máis a ter en conta á hora de planificar as vacacións.

A colección está estruturada en dúas seccións, unha integrada por obras de pintores que foron convidados pola entidade organizadora e outra á que se sumaron os veciños. Estes últimos aproveitaron a iniciativa posta en marcha pola asociación cultural para dar a coñecer os seus traballos. O feito de que sexan varias as persoas que protagonizan esta exposición fai que os cadros expostos no museo muradán se caractericen por pertencer a estilos diferentes e por tratar temáticas tamén moi diversas. A intención da asociación Sorum é organizar a curto prazo novas actividades de carácter cultural que serven para dinamizar a vida social da vila e para ofrecer alternativas de ocio.