Cinco itinerarios permiten percorrer a pé os principais recursos do territorio barbancés

La Voz

BARBANZA

16 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os afeccionados ao sendeirismo non poden deixar pasar a oportunidade de facer unha escapada ás terras barbancesas. Incluso os veciños da zona que gusten de practicar este deporte teñen nas cinco rutas deseñadas e sinalizadas por Arousa Norte citas ineludibles para estas vacacións de Semana Santa.

Un dos itinerarios propostos percorre o municipio da Pobra e parte dos xardíns Valle-Inclán, onde está situado o plano no que pode verse toda a ruta. Esta ascende polo río Pedras ata chegar ás piscinas naturais, para atravesar despois a aldea da Portela e o monte da Curota.

O percorrido polo territorio boirense arranca en Bealo e descorre polo curso fluvial dos ríos Grande e Beluso, onde pode apreciarse unha variada gama de paisaxes en diferentes tipos de montes. Tamén é posible visitar antigos muíños.

Riqueza paisaxística

O sendeiro deseñado por Arousa Norte para Rianxo comeza na aldea da Ermida e chega ata o Monte Muralla. Enclaves naturais de gran beleza paisaxística son os atractivos principais desta ruta.

En Ribeira, o punto de partida do itinerario está situado no Malecón. Neste caso, o sendeiro pasa por xacementos arqueolóxicos como o que se atopa en San Roque e por importantes recursos naturais como o parque de Corrubedo.

Existe unha quinta ruta, de 65 quilómetros, que atravesa a serra do Barbanza e sirve de nexo entre os outros catro itinerarios, que son de carácter circular. Neste gran percorrido mestúranse paisaxes de costa como o que rodea ao faro de Corrubedo con paraxes de serra como o monte Tahúme. A cascada de Cadarnoxo, as piscinas naturais do río Pedras e o miradoiro de Castro Barbudo tamén son puntos que figuran neste longo paseo que propón a mancomunidade para coñecer a zona.