«Mentres non chegamos a Madrid non se falou de nós»

BARBANZA

29 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos once anos que leva como concelleira en Ribeira foi gañando responsabilidade e peso político no seo do BNG. Dominga Brión Sanmiguel repite como candidata nas listas ao Congreso do seu partido por A Coruña, esta vez con moita máis experiencia.

-¿Que é ese compromiso do que falan vostedes?

-Pretendemos que nesa situación de empate técnico que nos amosan as enquisas, sermos a voz dos galegos. O noso compromiso é manter o ritmo inversor, igual que fomos capaces de acadar nos orzamentos do Estado para Galicia un aumento en inversións para infraestruturas superior ao 8%. Iso supuxo a chegada de dous mil millóns de euros. Queremos que as nosas infraestruturas estean á altura do que se merecen. Xa vai sendo hora de que nos toque.

-Iso é a nivel galego, ¿e a voz da comarca tamén se escoita no Congreso?

-Barbanza tivo voz en Madrid dende que o BNG está no Congreso. Presentáronse iniciativas moi importantes que nos afectan, como sucedeu co relativo aos vertidos. Tamén se falou do problema de Correos, onde hai o compromiso de que Ribeira teña unha oficina mellor. Presentáronse iniciativas sobre a cobertura da televisión dixital e para ter un rexistro da propiedade. Nos últimos orzamentos acadáronse 2,5 millóns de euros para proxectos concretos a desenrolar nos catro municipios. Mentres non chegamos a Madrid non se falou de nós.

-¿Os contactos co representante na Cámara Baixa eran frecuentes?

-Grazas a Francisco Rodríguez fíxose un gran traballo. Cada vez que eu o chamaba non tiña ningún inconveniente en presentar iniciativas. As súas intervencións en pleno superaron as 800 e bateron marcas. Outro exemplo de que o BNG fai que Barbanza estea presente en Madrid é o feito da recuperación para o patrimonio público da illa de Sálvora, algo que xa tiñamos defendido.

-¿Que vibracións ten nestes comicios?

-Nunca sabes o que vai pasar. A presenza de xente nos mitins é moita, similar á rexistrada nas eleccións municipais. Nestes comicios romper o bipartidismo é difícil, pero na comarca estamos facendo un gran traballo para chegar a todas partes. Hai que crer cada un en si mesmo. Os galegos podemos decidir o noso futuro. A representación nacionalista no Estado é o espello no que nos ven.

-Teñen a confianza posta nun aumento da representación.

-Dende logo que si. Pretendemos ser decisivos a nivel da Cámara para tratar de diversificar a economía galega e os sectores produtivos. Dende o BNG temos feito unha aposta forte pola creación de emprego, pero hai que impulsar outras medidas. Por exemplo, os nosos montes están cheos de aeroxeneradores, pero todos pagamos as mesmas tarifas eléctricas. Nós entendemos que o feito de ser unha comunidade excedentaria na produción eléctrica ten que ter unha repercusión positiva nos petos dos cidadáns. Debe ser unha medida compensatoria aos salarios e ás pensións que temos os galegos, que figuran entre as máis baixas. Tamén queremos impulsar as tecnoloxías da comunicación.