Silencios e complicidades na morte de Alfonso Rodríguez Castelao

Xesús Costa Rodil

BARBANZA

O réxime deu ordes de minimizar a noticia do falecemento e de cualificar de errada a súa ideoloxía política

25 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

¡Irmán Daniel! Cabanillas comeza así o seu poema, Elexía a Castelao , quen finaba en xaneiro de 1950, na noite bonaerense do día 7, na clínica do Centro Gallego, a piques de cumprir os 74 anos, pois nacera, segundo a partida bautismal, o 30 de xaneiro de 1886 e, de acordo coa acta do Rexistro Civil, o 29, consonte á declaración de seu tío Manuel Rodríguez Dios, barbeiro, de 40 anos.

En 1934, por mor do movemento revolucionario, o goberno de Lerroux decreta o seu desterro a Badaxoz, acusado de apoiar a revolta, conforme co informe do Comisario Xefe de Pontevedra ao Gobernador Civil, no que sinala que os galeguistas Castelao e Bóveda forman o comité dos nacionalistas galegos, que están en contacto con cataláns e vascos para apoiar o movemento, pero por medo e ter poucos afiliados o Partido Galeguista, non o secundaron.

No outono de 1937, a información da policía de Pontevedra denuncia que Castelao é de tendencia separatista, galeguista de esquerdas, integrante da Fronte Popular, en estreita relación cos elementos indesexables de Vasconia e Cataluña.

Responsalidades políticas

A Lei de Responsabilidades Políticas de febreiro de 1939 foille aplicada a Castelao. Así, o concello de Rianxo remite, en xaneiro de 1940, ao xuíz de Responsabilidades Políticas en Madrid, a certificación tocante á contribución que paga polos seus bens.

¿Cómo afronta a ditadura franquista a morte de Castelao en 1950?

De acordo coa concepción de «enemigo de la Patria» con que a ditadura trata a Castelao, non ha de estrañar a ninguén o intento do goberno de Franco de acalar o máis posible o transcender do seu falecemento.

«Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao, se advierte lo siguiente: la noticia de su muerte se dará en páginas interiores a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto político. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, caricaturista y literato. Se podrá destacar su personalidad política siempre y cuando se mencione que aquella fue errada, y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro Siempre en Galicia ni de los álbumes de dibujos de la Guerra Civil...»

Actitudes públicas

¿Cal é a actitude da corporación local de Rianxo no pasamento de quen hoxe é considerado o fillo máis egrexio deste pobo e de Galicia?

O día 1 de febreiro de 1950 reúnese a Comisión Municipal Permanente (tampouco se celebrara sesión do pleno en xaneiro), presidida polo alcalde Ramón Fernández Fernández, médico en Rianxo denantes da proclamación da II República. O rexedor dá conta de ter recibido un cablegrama do Centro Gallego de Bos Aires notificándolle a morte de Castelao no seu sanatorio «del esclarecido e ilustre hijo de esta villa don Alfonso Daniel Rodríguez Castelao» e de ter informado, persoalmente, na súa casa, as irmás de Castelao, no mesmo día de recibirse a comunicación telegráfica. A Comisión acorda por unanimidade «recoger en esta acta el más profundo sentimiento por la muerte de don Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (q.?e.?p.?d.) como modesto homenaje a la grande persona, que con el cultivo del Arte y la literatura gallega a la que consagró su vida, fue y es honra de Galicia y de este pueblo que le ha visto nacer».