«O futuro da entidade a longo prazo pasa pola súa profesionalización»

BARBANZA

O intenso volume de traballo que xera a asociación cultural, que reúne a unhas 270 persoas, fai que os seus promotores teñan claro que debe contar con persoal propio

20 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Das súas verbas despréndese que é un apaixonado da literatura, pero Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) vai máis alá, e réndese doadamente ante todo o que teña que ver coa cultura en xeral. De feito, dedica a maior parte do seu tempo de lecer a compaxinar a súa faceta como escritor coa intensa labor que supón ocupar a presidencia da asociación Barbantia. El foi un dos promotores deste colectivo, viu como daba os primeiros pasos e agora, dende a primeira fila, comproba con sorpresa como medra a pasos axigantados.

-¿Como xorde a idea de poñer en marcha Barbantia?

-Cando percorrín a comarca para escribir o Cartafol do Barbanza coñecín a moita xente vinculada coa cultura. Logo coincidín con estas persoas en diferentes actos e formamos un grupo que decidimos constituír unha asociación co fin de dinamizar a cultura da bisbarra.

-Barbantia naceu con 30 socios pero agora reúne a unhas 270 persoas da comarca. ¿Cal é o logro que destacaría?

-Conseguimos algo que non imaxinabamos. Se me din que Barbantia ía chegar a ter a forza que ten hoxe en día non o crería A nosa idea era xuntarnos con frecuencia, facer presentacións e achegar a Barbanza a cultura galega, pero xa levamos unha ducia de publicacións e cada vez é máis xente a que colabora. Conseguimos por en contacto a moita xente vinculada coa cultura e creamos unha ampla rede de comunicación.

-¿Cal é a parte positiva destes tres anos de andaina?

-Foise facendo como unha bola de neve de amizade e de cultura. O importante é que dende Barbantia facemos cultura, pero tamén a recibimos, xa que ao longo destes anos pasaron pola comarca moitos intelectuais galegos. Conseguimos achegar Barbanza ao mundo da cultura.

-¿Segue habendo xente que aínda vincula a asociación a unha determinada formación política?

-Ao principio era así, pero a asociación non ten nada que ver coa política e así o deixamos claro. É un colectivo diverso, con persoas que teñen as súas ideas e que teñen un obxectivo común, que é o interese pola cultura.

-¿Pode dar a impresión que se trata dun grupo elitista?

-Esa é tamén unha percepción falsa. Hai amas de casa e mariñeiros que escriben en Barbantia, porque nós dámoslle cabida a todas as persoas que están interesadas pola cultura. A asociación está aberta a toda a sociedade.

-¿Hai algún aspecto que mencionaría como negativo?

-É unha parte persoal, xa que Barbantia precisa unha dedicación de dúas horas ao día, por iso é necesario camiñar cara a profesionalización da entidade. Nun principio o traballo concentrábase en poucas persoas pero, por sorte, agora a saúde da asociación é moi boa e hai máis xente que colabora.

-¿A que se refire cando fala de profesionalización?

-O volume de traballo que xera agora Barbantia é tan amplo ou maior que o de moitas concellerías, polo que debería contar cun técnico. Hai moitísimas fundacións que, pese a ter menos traballo, contan con persoal propio. O futuro da entidade a longo prazo pasa pola súa profesionalización.

-Neste sentido, ¿cre que a implicación das Administracións é suficiente?

-Tanto a Deputación da Coruña como a Consellería de Cultura están a colaborar con nós, pero non teño claro que o reparto de axudas sexa o axeitado. Á hora de concedelas non se ten en conta o volume de traballo nin a poboación á que chegan as accións, e si se mira, por exemplo, a respiración política. Imos atopando colaboración, pero nunca é suficiente.