Premio ás mellores imaxes

BARBANZA

O santiagués José López Pérez fíxose co primeiro galardón do certame fotográfico do centro de Neixón

15 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A cuarta edición do certame fotográfico Imaxes do pasado ao presente , organizado polo Centro Arqueolóxico do Barbanza, xa ten gañadores. Os membros do xurado reuníronse o pasado fin de semana para analizar as corenta obras que se presentaron e o museo deu a coñecer onte a identidade dos premiados. Na categoría de adultos, o primeiro galardón foi parar a mans de José López Pérez, de Santiago, pola instantánea Imaxe virtual .

O fotógrafo compostelán levarase un premio de 250 euros por unha obra en cor na que pode verse o reflexo do faro de Corrubedo na auga.

Nesta mesma categoría, o segundo premio foi para o veciño de Cabo de Cruz Jesús María Torrado Vidal, que o ano pasado resultara gañador do certame. O boirense, que recibirá 125 euros, obtivo o galardón coa obra Hórreo . Trátase dunha instantánea en cor na que aparece unha leira de millo cunha planta en primeiro plano e, en segundo, un hórreo. A instantánea foi tomada en San Pedro de Bealo.

No colectivo xuvenil, o primeiro premio foi para Raquel Lomba Santiago, da localidade muradá de Louro, que será galardoada con 120 euros. A obra coa que concorreu ao certame titúlase Moendo a pares , e nela pode verse o interior dun dos muíños de Brazos. O xurado do certame decidiu deixar deserto o segundo posto desta categoría.

Por segunda vez

Ao igual que ocorrera o ano pasado, o veciño de Cabo de Cruz Jonathan Torrado Cespón fíxose co primeiro galardón no colectivo infantil. A instantánea que presentou, Cruceiro de Cespón , foi tomada no atrio da igrexa de San Vicente de Cespón. O boirense levará 65 euros e tres libros da colección Os barbanzóns .

Tamén se fará con outros tres exemplares, ademais de 35 euros, o veciño de Boiro David Enríquez da Palma, que obtivo o segundo premio na categoría infantil. A súa obra, Natureza , reproduce de xeito singular a fonte da serea situada no parque da Cachada.

O xurado que se encargou de examinar os traballos estivo composto pola concelleira Natalia Laíño, que substituíu ao edil de Cultura, Gerardo Piñeiro; polo presidente da asociación de veciños de Neixón, Ricardo Herbón; polo ilustrador e deseñador gráfico Manuel Silva e polo operador de cámara Juan Piñeiro.

A Concellería de Cultura de Boiro agradece a participación no certame e o intereses amosado polas persoas que presentaron os seus traballos fotográficos.