Noia avoga pola diversidade

Sara Ares

BARBANZA

A asociación Roi Soga de Lobeira e o Concello poñen en marcha cursos de diferentes modalidades artísticas

25 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A localidade de Noia dará cabida a partir de mediados de novembro e ata o vindeiro verán a unha ampla oferta de actividades formativas e de entretemento que serán levadas a cabo pola asociación Roi Soga de Lobeira en colaboración co departamento municipal de Cultura e Deportes. Ambas institucións asinaron un convenio de cooperación para sacar adiante este proxecto.

De dar conta de todos os detalles desta iniciativa encargáronse onte o presidente da entidade mencionada, Uxío Breogán Diéguez Cequiel; e a concelleira de Cultura, a nacionalista Loli Caramés Hermo.

Entre os dous explicaron que ao longo dos vindeiros meses impartiranse cursos e obradoiros de edición e montaxe audiovisual, gaita, fotografía, teatro para cativos, pandeireta, xardinería e electricidade de ámbito doméstico, guitarra acústica, francés, expresión creativa e pintura de relaxación.

Inscricións

Uxío Breogán Diéguez sinalou que o prazo para anotarse en calquera das actividades programadas remata o 15 de novembro. As persoas interesadas en asistir aos cursos e obradoiros que se ofertan poderán matricularse ou obter máis información no teléfono 629 311 268 ou a través da dirección roisogadelobeira@gmail.com .

As sesións impartiranse de luns a venres, aínda que os horarios están pendentes de concretar, á espera de ver o número de alumnos que se inscribe en cada modalidade e que franxa de tempo lles convén máis. Nun principio, os organizadores teñen previsto levar a cabo os obradoiros sempre e cando se anoten como mínimo sete persoas en cada un deles.

Beneficiarios

O programa vai dirixido a veciños de máis de seis anos de idade. Por outra banda, Diéguez comentou que o máis probable é que lle dediquen un día da semana a cada especialidade formativa. Polo que atinxe aos coordinadores de cada actividade, subliñou que se trata de monitores con experiencia en cada unha das áreas.

As sesións levaranse a cabo no centro social Roi Soga de Lobeira, que ten a súa sede no número tres da rúa Travesía, na vila de Noia.

Polo que respecta ao custe por participar en cada obradoiro, o presidente da asociación cultural explicou que será unha tarifa simbólica e moi reducida.

A concelleira de Cultura de Noia, Loli Caramés Hermo, apuntou que o desenvolvemento deste proxecto enmárcase nun convenio de colaboración polo que o Concello aporta 3.000 euros para realizar as diferentes actuacións.

Diéguez Cequiel fixo fincapé en que con este programa non pretenden facerlle a competencia a outras institucións culturais do municipio que traballan nese eido, entre as que mencionou ao Liceo de Noia, senón que, dixo, trátase dunha aposta por ofrecer un complemento ou alternativa ao que xa hai, e agradeceu o apoio do Concello para levar adiante estas accións.

Traxectoria

A asociación Roi Soga de Lobeira iniciou a súa andaina hai oito anos, coa organización de conferencias e outras iniciativas, pero logo sufriu un parón e, segundo indicou o seu máximo responsable, retomaron o dinamismo das orixes hai dous anos.

Na actualidade, Uxío Diéguez asegurou que contan cun amplo número de socios, con idades comprendidas entre os 12 e os 72 anos. A maiores do citado, farán outras actividades.