| O |
14 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.O FUNCIONARIO que lle toma declaración na comisaría di que non sabe como ten cara para vir pór unha denuncia, que se o estafaron foi por ser mala persoa, por caloteiro. E preguntáballe se non se decataba de que, polo que lle estaba contando, a quen había que meter no cárcere era a el, ó enganado que lle quixo dar calote a un diminuído mental. Pero Manolo xustifícase, que a ver quen ía deixar pasar aquela oportunidade de facerse co feixe de billetes que un mozo bobalicón lle amosou, dicindo que llos cambiaba porque os tiña repetidos, e ó final nin era parvo nin nada, un pillabán que o embelecou. E aínda que o fose, a ver quen era o guapo que deixaba perder aquilo por moi diminuído que sexa o outro. -Un deficiente, Manolo, era un deficiente mental que aínda é peor. Certo que, nun principio aínda dubidou, que non sabía que facer, pero ó final non se puido reprimir, todos aqueles cartos nas mans dun parvo, e el véndoos, ulíndoos e temendo que dun momento para outro comezase a botalos a voar ou a esnaquizalos ata facer papeluchos. O que non sabía Manolo era que a estafa da estampiña é a arte de converter ó incauto nun da mesma ralea, na que o estafador, primeiro fai do estafado un trapalleiro e logo dálle o pao. -Que quen rouba a un ladrón... A primeira intención que tivo foi mirar por se había alguén, que non fosen andar por alí algúns parentes do rapaz. Pero eran as tres da tarde, había unha calor de mil demoños e ninguén nas rúas. -Pero ti, home, de onde sacaches isto. -Atopeinos, e agora son meus. Manolo mirou ó ceo como quen busca ó culpable daquela desgraza. Quixo ver de preto os cartos, contalos, pero o parvo non che eran tan parvo; e o funcionario que lle tomaba declaración meneaba a cabeza, ¿que non sabía que o deber cívico diante dun caso así é chamar á policía, alomenos para protexer a un pobre deficiente? Pero nese intre, para Manolo non era o deficiente, senón os cartos, o feixe de billetes o único que tiña diante, o único que era quen de ver. O paparolo aquel era testán, e os papeis euros de cor lila, así que, botando contas, abriu a súa carteira e sacou os case cen euros en billetes diversos que tiña. Pero non, ó parviño parecíanlle poucos, que os seus avultaban máis; cando apareceu outro paisano pola rúa. -Pasa algo. Manolo explicoulle o caso, que aquel rapaz ten todos eses cartos e pensa que son cromos. E este, cun arte pouco doado de entender, convenceuno para que lle trocara un par de billetes novos de cinco euros que levaba consigo, por outros dous dos do sobre. E ben á vista, o recén chegado ergueu os billetes á luz, comprobou a marca de auga e o son de estalo, mentres Manolo, incrédulo, lle preguntaba como era que a este si e a el non lle cambiaba, mentres o cómplice -agora sei que aquel era o cómplice- lle pedía que o agardase alí mentres ía ó caixeiro, que ata era unha obra de caridade sacarlle aquela millonada a este inocente. E ó pouco, cando viu ó paisano trocándolle tres mil euros por un feixe de cento e pico de billetes de cor lila, cegouse pola avaricia. -Veciño, agárdame agora ti que vou buscar outro tanto. Pero cando chegou á casa co seu sobre, aínda máis gordo que o que levou o outro paisano -o gancho, si, non mo repitas- viu que todos, absolutamente todos os billetes, eran fotocopias.