«Vivimos nun ocaso artístico e exponse calquera cousa»

Chechu López RIBEIRA

BARBANZA

GESTOSO

Entrevista | Plácido Amboage O artista séntese moi orgulloso do seu cadro sobre «O bico de Judas», un tema bíblico que moi poucos se atreveron a abordar

28 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Nas portas do comezo da Semana Santa, mañá inaugurarase no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes unha exposición de óleos de gran formato do artista Plácido Amboage (Santiago, 1945), baseados en pasaxes da vida e morte de Jesús de Nazaret e presentados coa súa particular visión de A paixón de Cristo, título que encabeza a colección de 14 cadros, moitos deles inspirados nos gravados de Gustavo Doré. Tamén ten pintado moito no casco urbano compostelán. -¿Cal é o obxectivo que pretende coa mostra? -Nun momento no que aumentan as igrexas, quero atraer o interese da xente polas escenas bíblicas máis importantes e provocar unha reflexión e interpretación. Os meus cadros teñen unha harmonía cromática. Son as cores as que suscitan as deducións e a reacción por parte de quen os observa. -¿Como empezou a pintar este tipo de escenas? -Foi a raíz dunha viaxe que fixen a Israel, cando observei en primeira persoa a situación do pobo palestino dominado polos xudeus. Entón pintei Os azotes de Cristo , como unha protesta cara a esa situación. Presenteino ao certame de pintura L'Oreal. Logo retratei A resurrección de Lázaro. Detrás da figura protagonista vese ao demo, que fai resistencia para que non se levante. -¿De que cadro que exporá en Ribeira se sinte máis orgulloso? -O bico de Judas, principalmente. Moi poucos autores trataron este tema bíblico, como Rubens, pois a maioría viuno como un xesto de traizón. Tamén os outros que xa nomeei, A negación de San Pedro, A resurrección de Cristo e O descenso da cruz. -¿Como definiría a súa pintura? -Basicamente é realista. Eu síntome contemporáneo, pero non deses que agora pintan cadros e non din nin ofrecen nada. Admítense como pinturas unhas obras que son flor dun día, pois non teñen unha base lóxica, e ninguén se lembra delas e van parar a un almacén. É necesario volver ao lenzo ou táboa no que o artista exprese as súas inquedanzas a través do debuxo e a cor, seguindo unhas pautas concretas. -¿Como cualifica o actual momento creativo? -Vivimos nunha época de ocaso artístico, e agora exponse calquera cousa. Andy Warhol acabou coa pintura. El e outros pintores colocan uns cubos ou outras instalacións e xa pensan que é arte. Nos centros contemporáneos promóvese ese tipo de arte. Caeuse nunha decadencia. É preciso volver ao clásico. -¿Quen foi o seu mentor? -Tiven de mestre a Manuel Garabal en Santiago e ensinoume que o arte ten a súa base no debuxo clásico. As escolas evolucionaron e son épocas diferentes, pero non se poden perder as liñas básicas, a pauta e os canons do debuxo para interpretar personaxes e paisaxes. Houbo variacións como con Picasso, Dalí e outros, pero son admisibles. Os meus cadros non son un motivo de atención preferente, pero sempre terán interese cando chega a Semana Santa.