Deloa impulsa novos obradoiros entre os hostaleiros

La Voz

BARBANZA

Cousas da xente A agrupación local intenta impulsar a corresponsabilidade no sector turístico da comarca barbancesa

07 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A casa de turismo rural Aldea Os Muíños, no núcleo rianxeiro de Miráns, acolleu o primeiro de tres obradoiros de xénero e traballo psicosocial, enmarcados dentro do proxecto Deloa-Equal. Esta xornada comezou cun xantar, para logo seguir coas actividades programadas pola psicóloga Pilar González García. A concelleira de Sanidade de Rianxo, Carmen Figueira Ares, e a axente de Igualdade de Oportunidades do citado proxecto, Sandra Rial Costa, fixeron entrega dun agasallo ás participantes, co obxectivo de invitalas a apostar pola corresponsabilidade no sector turístico e hostaleiro. No acto tamén se comentou que o material bibliográfico relacionado coa área da muller pode consultarse na biblioteca pública, situada no Pazo do Martelo. Mellora das condicións de vida A delegada da Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar, Tereixa Novo Arrojo, mantivo unha reunión de traballo coas socias de Amas de Casa de Mazaricos. A dirixente explicou as liñas de traballo do seu departamento, centrándose na Lei de Dependencia, que entrará pronto en vigor. Novo ofreceu a súa colaboración ás asociacións locais e animounas a por en marcha programas que contribúan á mellora das condicións de vida de determinados colectivos cidadás. Beneficios nos servizos bancarios O presidente da Asociación Boirense de Empresarios, Luis Ángel González, e os directores de Caixanova para o Barbanza e da oficina de Boiro, Octavio Fernández García e José María Ageitos, respectivamente, subscribiron un convenio polo que todos os socios da ABE terán condicións preferentes nos servizos que presta dita entidade de aforros. O Instituto Campo de San Alberto de Noia, que dirixe Julio Caamaño , entregou os premios do certame da camelia. O xurado estivo composto por Teresa Villaverde , Leonor Magariños e Rosa Crespo . Recolleron mencións Manuela Couso , Ana Isabel Calo Torrado , a asociación Amas de Casa de Outes, que recibiu tres; Antonio Fernández Seoane , Daniel Vázquez España e Juan José Mato . As tendas Xade de Ribeira, dedicadas á venda de bolsos e complementos, ubicadas no centro comercial e na rúa Mendiño, volveron a abrir as súas portas despois das reformas ás que foron sometidas. Continuando coa liña do seu negocio, a propietaria, Rosa Gómez Crujeiras, quixo acentuar o carácter moderno e actual dos establecementos. Na reinauguración, a anfitrioa ofreceu uns aperitivos aos familiares, amigos e clientes.