Risas no patio de butacas

La Voz

BARBANZA

SANDE

Cousas da xente Alumnos de tres centros educativos de Boiro asistiron a unha función enmarcada na Mostra de Teatro Escolar

12 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

De maneira entretida, a compañía Talía Teatro escenificou en Boiro a obra O merlo branco , escrita por Cándido Pazó . Os actores Marta Ríos, Rosi Barcala , Toño Casais , María Ordóñez , Gustavo Dieste , Dani Trillo e David Creus representaron unha peza na que se relata o encargo feito a unha parella de paxaros para que adopten como fillo a un merlo branco, algo sorprendente porque todo o mundo sabe que son negros. Deste xeito, o animal inicia un peculiar periplo en busca dunha identidade propia. A comedia desatou as risas dos cativos, alumnos boirenses dos colexios de Escarabote, Abanqueiro e Cespón. A representación encádrase na Mostra de Teatro Escolar organizada pola concellería que dirixe Xerardo Piñeiro . Lúa de mel Acompañados de familiares e dun nutrido grupo de amigos, a parella formada por Luis Piñeiro e María Martínez declarou o seu amor eterno nunha cerimonia que tivo lugar na igrexa outiense de O Freixo. Á voda asistiron máis de cen persoas que, unha vez finalizado o acto relixioso, desprazáronse á localidade de Roo para degustar, no restaurante Brasil un suculento banquete. Co estómago cheo e con moitas ganas de divertirse, os recentemente casados saíron á pista para bailar o valse. A velada estivo amenizada polo conxunto Rosan e durante a festa ata se pasaron polo local uns tunos. Os namorados atópanse de lúa de mel en Canarias. Máis de douscentos alumnos do Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela visitaron onte a exposición titulada Un mar de ilusión , organizada pola asociación Mar de Noia, que preside Félix González Túñez . A iniciativa está a resultar un rotundo éxito e non para de recibir visitas de estudantes de diferentes centros de Galicia. Hoxe permanecerá pechada en sinal de solidariedade polo falecemento do reitor do Seminario Maior, Bartolomé Sánchez Canals , que foi quen cedeu a Mar de Noia o claustro de San Martiño Pinario para levar a cabo esta magnífica exposición. A expedición de Adeje, integrada na súa meirande parte por membros do grupo de teatro da Universidad Popular, gozou dunha semana de descanso en Ribeira que foi aproveitada para facer visitas culturais a lugares tan emblemáticos como o dolmen de Axeitos. Como é de rigor, tivo lugar unha recepción na casa consistorial, presidida polo alcalde, José Luis Torres Colomer , e na que estiveron presentes os concelleiros de Cultura de Adeje, Gonzalo Delgado , e Ribeira, Luciano Fernández .