Última hora
Putin pacta con Trump no atacar la infraestructura energética de Ucrania durante un mes

A estirpe dos Figueirido en Ribeira

Emilio Rodríguez López

BARBANZA

Crónicas no Centenario

02 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Os escudos son unha representación convencional das armas familiares que expresan a súa historia e estirpe, con figuras simbólicas e ornamentais similares ás da heráldica que usaran desde a antigüidade Exipto, raíña de Saba (lúa en cuarto crecente cos cornos cara a arriba), Alexandro Magno, Romanos (aguia), franceses (León) e outros. A costume máis xeneralizada de levar divisas e insignias persoais de armas no escudo comeza na época feudal, cando os cabaleiros, con cota de mallas e rostro cuberto por unha viseira ou helmo, necesitaban ser recoñecidos a distancia tanto en torneos como en batallas. Logo proliferaron os eclesiásticos, artesanais, comerciantes (exemplo témolos nas laudas gremiais de Santa María a Nova de Noia) e outras institucións campesiñas e burguesas. A elección do escudo e a súa ornamentación era libre, sempre que non fose igual a outro existente. Lóxico, pois debía ser un reflexo da identidade do propietario e tiña que ser distinto. Ata o século XIV cada individuo marcaba o seu escudo; daquela, algunhas familias que adquiriron certo renome e recibiron distincións no seu cometido profesional, decidiron facelo heráldico, práctica que se foi xeneralizando, máxime co impulso que retomou no século XVI Entre outras, os Figueirido pertencían á orde militar do temple (cabaleiros hospitalarios e teutónica) fundada no século XII e tiveron un destacado papel na expansión do cristianismo. En Galicia, cabe destacar a acción militar cristián contra o invasor, e a protección aos peregrinos na ría de Arousa, así como a defensa contra a piratería dos pobos, vilas e cidades, principalmente contra os corsarios ingleses. O escudo de armas primitivo dos Figueirido estaba constituído, en campo de gules, con cinco follas de figueira, de sinople, perfiladas de ouro, e postas en sotuer, e deron lugar aos Figueirido, os Figueiroa e os Figueiras. Entre as variantes do escudo figura, en campo de ouro, tres follas de figueira, de sinople, mal ordenadas. Na casa solariega de Palmeira, o escudo que presidía esta vivenda foi trasladado á de Otero Goyanes de Ribeira, por xentileza de Teresa de Figueirido, parente distante dos Otero. O símbolo ten a consabida serea, os paus dos Quiroga, as ondas dos Mariño... e esa extraordinaria marabilla que encerran distintos liñaxes da nobreza de Galicia, como é a do pazo de San Lorenzo de Ribeira. Entronques familiares Por datos do arquivo de Isidoro Millán e González-Pardo de Pontevedra, encontramos varios entronques dos Figueirido con diversas liñaxes galegas de gran avoengo, polo que chegamos á conclusión de que xa desde tempos moi antigos eran fidalgos. Andrés Figueirido Mariño de Soutomaior, fundador do antigo casal do Pombal, herdou os cotos de Martín e Carreira. Diego Arias Mariño de Lobeira era fillo do anterior, e viviu na casa solariega de Ribeira, en 1674, foi capitán de mar e terra, de Carlos II, loitou en Flandes. Foi gobernador de Lima. Cansado de tanto atafego, retirouse a descansar á casa paterna. Casou con Ana María de Soutomaior e tiveron dous fillos, Diego e Carlos. Diego Arias Mariño de Soutomaior toma a sucesión; foi capitán de mar e terra e casou con Petronila Mariño; mentres que Carlos, seu irmán, contraeu nupcias con María Antonia Benavides e Torrado, que procedía da casa soar de Asadelos (Rianxo), da liñaxe dos Torrado. Pedro Arias Mariño de Soutomaior, que naceu en 1692, foi capitán de mar e terra, casou con Rosa Rosales de Figueirido, de Ribeira. Este último tivo un marcado protagonismo en Ribeira. En 1739 foi asaltada e atacada a cidade polos ingleses con tres navíos. Tomárona e puxéronlle lume á casa paterna, cometendo durante o resto da noite toda clase de viles, desprezables e infames vexacións e aldraxes. Pedro Arias, indignado, home valente e destro, andou o resto da tarde e parte da noite buscando xente nos pobos limítrofes: Carreira, Aguiño Castiñeiras, Artes, Sirves, Oleiros, Sampedro de Muro, Caamaño, Xuño e outros. Baixando pola Garita, o día 10, ás sete da mañá, caeu sobre os ingleses, que derrotou de forma contundente. Os corsarios puxeron rumbo a Sálvora e non volveron. Os prisioneiros foron aforcados na Porta do Sol. Despois de corrixir as deficiencias mais perentorias da cidade, Pedro Arias volveu reedificar a casa soar, o pazo de San Lorenzo, coa axuda dos familiares de Figueirido.