Pobrenses, alemáns e turcos estudan a época prerromana

Antía Urgorri Serantes
Antía Urgorri RIBEIRA

BARBANZA

C. QUEIJEIRO

A pé de rúa O instituto da Pobra participa, xunto a dous centros europeos, nun proxecto Comenius, no marco do cal analizarán vestixios históricos

30 oct 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Ao longo de dous anos, alumnos e profesores do instituto pobrense traballarán a reo xunto a compañeiros alemáns e turcos para analizar os vestixios da época prerromana en Europa, e máis concretamente na bisbarra. Farano no marco dun proxecto Comenius, promovido polo Ministerio de Educación e a Unión Europea. Para poñer a andar o traballo, tres profesores do centro Ilcesi, de Nizip (Turquía), e un do Apian-Gymnasium, de Ingolstadt (Alemania), chegaron a pasada fin de semana á vila pobrense. O obxectivo da visita é manter unha serie de reunións, co fin de marcar as pautas de traballo e fixar posteriores encontros. A delegación estranxeira foi recibida onte pola comunidade educativa pobrense nas instalacións de O Xobre. Ademais de recorrer as dependencias e falar cos coordinadores do proxecto Comenius, os docentes europeos asistiron a unha actuación de música galega, que correu a cargo dun grupo de gaiteiros e pandereteiras. Programa Ata o venres, día no que regresarán os profesores aos seus respectivos países, os convidados poderán disfrutar dun intenso programa de actividades. Hoxe coñecerán as instalacións da casa consistorial pobrense; e nos próximos días terán a oportunidade de visitar paraxes singulares da bisbarra, como o dolmen de Axeitos, o parque de San Roque ou o castro de Baroña. Outra parte importante do tempo que pasen entre nósdestinarano a manter encontros de traballo. O obxectivo que teñen pobrenses, turcos e alemáns é facer un DVD e unha base bibliográfica cos datos atopados sobre os vestixios prerromanos. Esta é a primeira reunión que manteñen os participantes no Comenius. A vindeira cita terá lugar no mes de maio ou xuño. Polo momento, non está decidido se será en Turquía ou en Alemania. Aínda que nesta ocasión só viaxaron docentes, está previsto que máis adiante, cando o traballo estea máis avanzado, os alumnos tamén visiten os outros centros participantes.