Represión contra catro concelleiros da República

Antón Rodríguez Gallardo

BARBANZA

MATALOBOS

Nos primeiros meses da Guerra Civil, José Caballero, Manuel Brión, Juan Outeiral e Álvarez Gantes, da Fronte Popular, en Boiro, morrían vítimas da irracionalidade

28 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

«Caballero ollóu-nos cheo de estupor. Cala por uns instantes e dos seus ollos baixan unhas bágoas que, resinado, seca co dorso das súas mans. A xoven sorrisa decote reflexou-se no seu simpático rostro. Vistéuse e contóunos o último chiste¿ Sonrrimos todos con marcada tristura. Era a derradeira chanza dun bo amigo que iba a morrer de xeito tan salvaxe cando somentes tiña vintecatro anos... Caballero, en mangas de camisa, sorrinte e con sosego, fóinos abrazando a un por un. Quixémo-nos facé-los fortes, mais as bágoas mollaron os nosos ollos. Foi-se moi ergueito. Desde a porta mandóu-nos coa man o último adeus». Así relata Xerardo Díaz Fernández no seu libro Os que non morreron a saca do cárcere de Santiago do seu compañeiro de cativerio José Caballero Rubio, secretario da agrupación boirense de Unión Republicana, nunha noite de outubro de 1936. Entregado polo oficial da prisión aos seus verdugos, o seu cadáver, cribado polas balas, dise que foi abandonado no monte Confurco. Mestre da escola de Triñáns (Abanqueiro) e andaluz simpático e cordial, José Caballero sería o primeiro dos concelleiros da corporación boirense da Fronte Popular eliminado polos reaccionarios no seu obxectivo de descabezar unha hipotética resistencia contra o Movimiento. Vítimas desta estratexia de terror emanada da Junta de Defensa de Burgos, que con man de ferro gobernaba a denominada zona nacional, tres concelleiros boirenses máis perderán a vida entre fins do 36 e principios do 37. Tiroteado no Castro Naquel outono en que mataran a Caballero Rubio e os cadáveres dos irmáns de Escarabote José e Maximino Somoza aparecían cribados polas balas nunha paraxe de Taragoña, era tamén covardemente asasinado Manuel Brión Suárez. Home instruído, moi educado e discreto, e cunhas profundas conviccións sociais que o levaran a implicarse na organización do movemento socialista boirense, Brión morría o 23 de novembro de 1936 tiroteado nun pinal de Fonte do Mouro (O Castro), preto da súa casa e do lugar onde permanecera agachado tras as primeiras violencias contra a esquerda. Nunca ninguén tratou de esclarecer estes nin outros crimes cometidos na localidade naqueles días nos que os mercenarios da Falange de Víctor Sieira, Arturo Noal e Julito Carreño, xunto á Garda Civil ao mando do sarxento Sánchez, eran os responsables da orde pública. Os outros edís finados daquela foron o tamén socialista Juan Outeiral Outeiral, que en 1935 chegara a presidir a agrupación local do partido, e Rodrigo Álvarez Gantes, mestre compostelán da escola do Pósito de Escarabote e secretario de Izquierda Republicana. Acusados xunto a cinco esquerdistas boirenses máis dun delito -cruel paradoxo- de rebelión militar, serían condenados a morte nun daqueles amorais consellos de guerra. A base da acusación estaba na resistencia que estes homes, integrantes do comité da Fronte Popular da localidade, opuxeran aos militares golpistas a instancias do goberno da República. «Tengo como consuelo -escribía un á súa familia tras coñecer o fallo- que no me matan por ladrón ni por asesino, sino por la causa de los humildes. No somos nosotros solos, sino muchos los que caemos bajo la tiranía del capitalista y del yugo fascista, así que morimos con la cabeza levantada». A sentencia era executada ao amencer do 23 de febreiro de 1937 en Compostela, contra as tapias do cemiterio de Boisaca. Xunto aos dous edís fusilaban tamén a José Maceiras, Santiago Miranda, Ramón Lojo, Bautista Torrado e mais a Braulio Castro. Vítimas dun tempo no que unha brutal irracionalidade aniñou nos corazóns das xentes, aqueles catro concelleiros, ao igual que varios outros correlixionarios, pagaron coa vida o atrevemento a defenderen os seus ideais e a legalidade vulnerada tras o levantamento militar por «Dios, España y su Revolución Nacional Sindicalista» que o 17 de xullo de 1936 propiciara o sector máis reaccionario do exército español.