Merlín entra na familia

Emma Araújo SANTIAGO

BARBANZA

ÁLVARO BALLESTEROS

Reportaje | Teatro infantil no Museo do Pobo As actividades conmemorativas do medio século da obra de Cunqueiro achéganse aos máis pequenos grazas ao teatro

29 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Se Álvaro Cunqueiro dese onte unha voltiña polo Museo do Pobo Galego e se deixase caer no auditorio, abofé que botaría unhas risotadas ao ver a un grupiño de rapaces disfrutando dalgúns esbozos do seu Merlín e familia coma se fose Sinchán ou a ra Gustavo. Cunqueiro tamén podería ver aos pais agarrando dos seus nenos, pero sen ningunha preocupación nin por berros nin por choros. E todo porque a maxia da súa obra e o esforzo da actriz que fixo a representación teatral encheron un auditorio bastante baleiro no que os rapaces tiveron unha participación activa, chegando a facer de persoaxes do mundo artúrico de Cunqueiro. Felipe de Amancia, o paxe de Merlín (interpretado por Natalia, da compañía Sarabela) exerceu de fío condutor dun texto deseñado e adaptado expresamente para achegar o complexo mundo máxico de Cunqueiro aos nenos e rapaces, dentro do programa de celebración do cincoenta aniversario da obra que marcou un cambio na narrativa galega. A representación teatral, que comezou onte, forma parte do programa do Museo do Pobo Galego que, como recolle na documentación oficial da proposta, ofrece un percorrido pola primeira novela en galego escrita por Cunqueiro e cun plantexamento didáctico e interactivo que procura un achegamento ao tema da obra, ás circunstancias históricas nas que Cunqueiro escribiu o seu Merlín, e á importancia que o mago e a súa familia tivo para marcar un antes e un despois na literatura galega contemporánea. Máis actividades As representacións teatrais terán continuidade os vindeiros sábados a partir das doce e media da mañá, aínda que nos días da semana están programadas dúas funcións en xornadas lectivas (de martes a venres), en sesións de 11.30 e 12.30. Para distrutar destas actividades é mester facer unha reserva previa no museo, algo que non é preciso para achegarse á mostra, inaugurada o 15 de setembro, e que vén acompañada dun ciclo de conferencias e mesas redondas, que rematarán o día 30 nun acto cunha actuación de Amancio Prada. Antes do concerto falarán da obra Ana Romaní, Antón Lopo, Daniel Salgado, Fran Alonso, María do Cebreiro, Yolanda Castaño e Xosé. A. Neira Cruz, quen actuará como moderador. Todo é pouco para lembrar a Cunqueiro e o seu Merlín.