Quen sementa, recolle

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

28 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

TODOS SABEMOS que un doutorado honoris causa ven sendo, máis ou menos, que á alguén lle agasallan cun título que outros tiveron que acadar estudiando esforzadamente. Algo así como unha cacicada, pero en disimulado. Pois iso é o que fixeron os cadeirádegos da Universidade Autónoma de Madrid con Santiago Carrillo, home de tan probadas virtudes coma as do mesmo Franco, polo que non paga a pena adicarlle unha liña máis desta columna. Pero o que sí interesa suliñar de tal acontecemento é o victimismo con que certa esquerda sempre se presenta en sociedade, non dubidando nin ruborizándose en inventar insultantes calificativos. ¿Cómo se pode dicir, a estas alturas do conto, que uns mozos que quixeron protestar contra tal doutorado son uns fachas da extrema dereita? ¿Qué tipo de sociedade estamos configurando? Tiven a oportunidade de coñecer as inquedeanzas dos mozos e mozas de Novas Xeracións da Pobra, que tan ben presidía o que logo amosou ser un dos mellores concelleiros da política pobrense, Andrés Domínguez. Son tan demócratas e tolerantes coma os de outras formacións políticas, como non podía ser doutro xeito. Hai algo que convén dicir. Os estamentos da estructura orgánica do PP non lle están dedicando á esta xuventude a atención que requiren, porque hai moitos rapaces de fundado pensamento liberal que, ás veces, senten algún complexo de debater con outros que pensan políticamente distinto, algo que debería ser do máis normal nas tertulias xuvenís. Con esta rodaxe de convivencia en liberdade sería moi saudable que se fosen creando foros de debate plurais para a xuventude e forxar políticos xuizosos en democracia e non fanáticos fundamentalistas. Sen sementerias non hai recolleitas, e iso atangue a tódalas leiras.