DENDE FÓRA | O |
21 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.AGORA ENTRAMOS nun tempo de calma. Lonxe dos tumultos, das músicas variadas que neste tempo nos sorprenden e recuperan parte da nosa memoria. A música é importante, redefine e calma ao ser humano, marca pautas e, algunha vez, devólveche o camiño perdido. Estes días, por sorte (e isto nada ten que ver co conto de Monterroso) topeime con varios dinosaurios que outra vez camiñaban sobre as rúas. Isto algo impón. Falo dos compoñentes de Alerta, o mítico grupo musical de mediados dos anos setenta. Alerta, que rachou coas formacións tradicionais das orquestras e que tanta importancia tivo sobre as novas xeracións. Xoán Hermo, Xosé A. Hermo, Manolo Valiño, O Peludo, e Xosé Antonio, todos eles excelentes músicos que nos impregnaron de sons e ritmos alleos. Con eles comprendemos o cosmopolitismo musical e demos un paso fóra da fronteira. Isto non tería volta. Coido que cada un destes compoñentes merecerían un artigo pola súa longa traxectoria artística. Un destes superviventes é o guitarra solista, Xosé Antonio, na súa época o seu virtuosismo coa guitarra levouno a converterse nun dos mellores guitarristas de Galicia. Un músico total. Hoxe teño nas mans un disco compacto co seu último traballo, unha peza que non está nos circuitos comerciais pero que é un verdadeiro tesouro. Herdeiro das músicas británicas dos grupos Deep Purple e Led Zeppelin, segue cautivando coa súa desconformidade e o seu ecleptismo nesta entrega. La Misión . O guitarrista domina o heavy metal e bendícenos co seu hisopo.