«O obxectivo máis importante é acadar o pleno emprego»

Sara Ares CORRESPONSAL | NOIA

BARBANZA

Entrevista | Manuel Ruiz Rivas O deputado ribeirense amósase convencido de que a formación política á que pertence acadará uns resultados electorais na comarca por riba da media provincial e galega

16 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O desembarco do ribeirense Manuel Ruiz Rivas no Pazo do Hórreo remóntase ao ano 1993. Dende entón, asumiu diferentes responsabilidades. Nos últimos tempos, exerceu de vicevoceiro do grupo parlamentario popular, vocal na deputación permanente da Cámara e membro das comisións de Xustiza, Facenda e Pesca, entre outras tarefas. Nas listas electorais do 2001, concorreu na oitava posición e agora o fai na sétima. -Significou logros tan importantes como os parques de bombeiros, o selado dos vertedoiros, a construción dunha ecoplanta e de varios puntos limpos, o adianto do prazo de remate das principais infraestructuras proxectadas, a mellora dos portos, a traída da auga do Ulla ou a continuidade do saneamento das rías. En síntese, eses son os logros, ademais dun bo comportamento en materia de emprego, a pesares da ralentización da industria básica. -¿Cales son os retos fixados polo seu partido para a bisbarra de cara aos próximos catros anos? -O obxectivo máis importante é acadar o pleno emprego, para o que imos crear novos postos de traballo, moitos deles para mulleres. A nivel xeral, imos seguir mellorando os servizos e as infraestructuras, coa posta en marcha das autovías de Barbanza e Santiago-Brión, a nova rede viaria das comarcas de Muros e Noia, a gasificación da bisbarra, o aumento do chan industrial e a construcción de portos comerciais. No eido social, propoñémonos mellorar o Hospital da Barbanza e incrementar as prazas de garderías públicas e da terceira idade, coa posta en funcionamento de centros de día como o de Ribeira. -De todas as actuacións pendentes, ¿cal é para vostede a máis ambiciosa? -O desdobramento da vía rápida, que se atopa en fase de licitación. No plano de infraestructuras de Galicia, estaba prevista a súa entrada en funcionamento para o 2010, pero a adiantamos ao 2007, a mesma data fixada para o remate da vía Santiago-Brión. -A práctica totalidade das enquisas debuxan unha perda da maioría absoluta para o PP. ¿Cre nos barómetros? -Penso que se están a utilizar de forma intencionada para dirixir o voto. Ata agora, xamais acertaron o número de escanos do PP, sempre nos deron de menos. Preocúpame máis a xente que poida crer nas enquisas. Nesta ocasión, transmiten un alto índice de xente indecisa. Nós pensamos que imos sacar maioría e por enriba dos 38 deputados. -¿E na comarca? -Opino que os resultados en Barbanza non van diferir moito dos que acadamos nos comicios de hai catro anos. Imos estar por riba da media da provincia e de Galicia.