Guillermo Torrado, exemplo de integridade e coherencia política

Antón R. Gallardo

BARBANZA

Natural de Abanqueiro, ocupou a alcaldía de Boiro na que conseguiu enganchar a vila ao progreso

26 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Guillermo Torrado Jáudenes, boirense de Abanqueiro, nace en 1873 no seo dunha familia de avoengo, moi arraigada nas terras do norte arousán. Gran propietario e persoa inqueda, nos anos dez do século XX promoverá e presidirá na súa parroquia o Sindicato Agrícola Católico de San Cristóbal. Dende esta plataforma vai censurar aos liberais gassetistas, á fronte do goberno local, e dar apoio ás políticas conservadoras e aos seus representantes, caso de José Calvo Sotelo, co que compartiría tribuna durante a súa xeira electoral polo distrito de Noia da primavera de 1923. En febreiro de 1924, xa instaurada a ditadura do xeneral Primo de Rivera, ocuparía a alcaldía boirense para conseguir, despois de anos de inoperantes corporacións e ao abeiro dunha conxuntura favorable, que a localidade enganchara no tren do progreso. Durante este período impulsaranse as obras da estrada coa Ponte de San Francisco, a praza do peixe, a alameda de Barraña, o alumeado eléctrico ou a estación telefónica. Tamén a revitalización das feiras de gando de Espiñeira e San Ramón de Bealo, e os traballos preliminares para a repoboación forestal dos montes do Barbanza. E o seu catolicismo militante non impediría que as obras afectaran tamén ao cemiterio protestante da parroquia do Castro. A finais de xaneiro de 1930, coa caída da ditadura primorriverista, remataba tamén a primeira etapa de don Guillermo á fronte da alcaldía boirense, deixando unha pegada de honestidade e laboriosidade, así como de equidade no trato dos administrados. Plebiscito contra a monarquía As eleccións municipais do 12 de abril de 1931, que buscaban a volta de España á normalidade política anterior á etapa ditatorial, converteríanse nun plebiscito contra a monarquía. Integrado na candidatura da conservadora e católica Unión Monárquica Nacional, asoballante vencedora en Boiro, Guillermo Torrado quedaría inicialmente á marxe do xogo político trala proclamación da República e a anulación dos comicios boirenses. Outros homes de prol da localidade, en cambio, acomodarían de contado nas organizacións republicanas, convertendo militancias monárquicas e católicas en interesadas adhesións ao anticlerical Partido Radical de Lerroux ou ao centro-esquerdismo da ORGA. Sería nos albores de 1932, no contexto da reorganización da dereita católica galega, cando o ex-alcalde boirense, fiel aos seus ideais, volve á política para fundar a Unión de Derechas de Boiro, como forza aglutinadora do conservadorismo non aliñado nos partidos republicanos. Con todo, a iniciativa logo esmorecería, tralas sancións que as asociacións dereitistas sufriran a raíz do frustrado golpe de estado do xeneral Sanjurjo, no verán daquel mesmo ano. Guillermo Torrado soamente volvería á vida pública en agosto do 36, ao pouco de iniciado o Movimiento, para desempeñar os cargos de delegado civil e alcalde. Dise que naqueles tráxicos momentos, tisnados de asasinatos e execucións, a súa actuación foi crucial para salvar a vida de máis dun republicano boirense. En febreiro de 1939, a piques de rematar a Guerra Civil, abandonaba definitivamente a corporación, tras ocupar un tempo o cargo de concelleiro despois da súa dimisión como alcalde. Home autoritario e enérxico, pero persoa de ben, honrado e traballador -como comunmente é definido polos seus coetáneos-, Guillermo Torrado, xa octoxenario, finaba unha tarde de febreiro de 1956 na súa señorial quinta de Abanqueiro. A súa coherencia ideolóxica e mais a súa integridade -tan pouco comúns na política da Galicia rural da súa época-, así como o seu comportamento nos críticos inicios da guerra, deben ser, cando menos, merecentes de respecto e recoñecemento.