A Unión elixiu aos gañadores dos certames de fotografía e narrativa

Chechu López RIBEIRA

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

Dezaséis persoas foron galardoadas polos seus traballos nos concursos da asociación A cultura converteuse en protagonista na maior parte das vilas da comarca

16 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación de veciños A Unión de Santa María do Castro entregará hoxe os premios dos certames de fotografía e narración que convoca dende hai varios anos. Os nomes dos traballos gañadores déronse a coñecer onte, unha vez que os respectivos xurados emitiron o seu veredito. Un total de dezaséis persoas serán obsequiadas con varios agasallos polos traballos presentados. No sexto concurso fotográfico resultou vencedora a imaxe ... E de súpeto fíxose a luz , de José Antonio Vila Rodríguez, que se levará unha cámara dixital. En segundo e terceiro lugar quedaron Chegando ao porto, de Jesús María Torrado Vidal, e Necesito asfaltado, de Mercedes Martínez García. Pola súa banda, no cuarto concurso de narración concedéronse primeiros premios nas diferentes categorías a Nuria Outeiral Pais polo seu relato Hai un planeta novo e a Pedro Campos García por X oan, vento norte e vento sur . Cada un dos dous afortunados recibirá un reproductor de DVD. Segundos Os segundos premios foron a parar a mans de Sonia Rodríguez Hermo por A bruxa e o seu gato , Francisco Riveiro Fontaine por Días para lembrar , Antía Franco Ojea por O nome perdido co paso do tempo , Montserrat Franco Ojea por O son das ondas e Xosé Marcelino Romero Herbón por Viva o Esteiro . Os galardóns que lle entregará a asociación consisten en reproductores de cedé e de mp3. Os terceiros clasificados polas súas narracións, que recibirán os seus respectivos lotes de libros, foron Carlota Ozores por O globo e a flor máxica , Marta Esther Varela Rodríguez por Os animais en perigo de extinción , Alexandre Muñiz Places por Pesadilla , Pablo Lado Vidal por Extraterrestres e José Manuel Vázquez Lorenzo por Billete de ida e volta . Durante os últimos días tamén se celebraron varios actos na comarca con motivo das Letras Galegas, algúns deles en centro educativos, co obxectivo de inculcar e difundir o galego entre os máis novos. No Teatro Elma da Pobra actuou o grupo Títeres Cachirulo, coa obra Catro contos da China, e a asociación cultural Matapiollos, con Mario . As actividades contaron coa asistencia de medio milleiro de escolares, que recibiron un exemplar do libro de Antón Lopo sobre Xesús Lorenzo Varela. A coral Abrente tamén ofreceu o domingo un concerto na igrexa do Castelo. Actividades diversas En Noia celebrouse o pasado xoves un recital coa participación de alumnos do conservatorio e do IES Virxe do Mar. En Porto do Son, o grupo Migallas escenificou O libro máxico e o grupo de teatro da Cruz Vermella, ¡Xesús, que criada! e O segredo do tío Sanfona . Nesta vila, as bandas Suevia e de Caamaño e os grupos Castro de Baroña e Aturuxos de Atalaia ofreceron concertos, e mantéñense abertas varias exposicións literarias.