Eduardo Alonso volve ao labor actoral coa montaxe «Confesión»

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

BARBANZA

XOÁN A. SOLER

20 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Teatro do Noroeste presenta esta fin de semana na Sala Yago, Confesión , un novo texto de Eduardo Alonso que lle permite ao director e dramaturgo volver aos escenarios como actor. Esta montaxe, representada a semana pasada dentro da Feira do Teatro de Galicia, ten como argumento central o interrogatorio que un policía veterano efectúa a un mozo despois da desaparición dunha rapaza. Alonso asegura que a obra «ten elementos de xénero, de suspense, pero non é o elemento fundamental porque o que eu quería era tratar os límites da sociedade, a diferenza das obras anteriores miñas nas que trataba os límites do humano».. A obra permite que Eduardo Alonso, tras anos adicado á dirección e tamén á escrita teatral, volva pisar os escenarios como actor. Neste sentido, Alonso asegura que «era unha necesidade profesional como director saber como ían as cousas para os actores, entender como se ven as cousas desde a súa perspectiva despois de tantos anos de miralo desde a outra». Indica que supón un cambio de actitude en canto ao seu traballo habitual «pero non escribín o papel pensando que sería eu quen o interpretase, entre outras cousas porque non o sabía». O cambio de rol afecta a máis integrantes da compañía. Luma Gómez, que habitualmente exerce de actriz protagonista en Noroeste, pasou nesta ocasión á dirección. O elenco artístico complétase con Alejandro Carro no papel de mozo interrogado. Confesión permanecerá na Sala Yago ata o 1 de maio. As funcións son ás 20,30 horas, agás os sábados, que serán ás 22,30, e os domingos, que son ás 19 horas.