O compromiso de dúas pioneiras

A lexislación republicana propiciaría que mulleres como as boirenses Manuela del Río e Brígida Muñiz participaran activamente na vida pública


Ata hai pouco tempo, o papel da muller española na vida social e política era marxinal. Soamente a modernización da sociedade, producida a partir dos anos 70, permitirá a súa integración, retomando un proceso esbozado xa en tempos da República, cando na súa Constitución se incluían importantes avances nos dereitos da muller, que posibilitaban, por exemplo, que a política se abrira ao colectivo feminino grazas a medidas como o dereito ao voto.As deputadas Clara Campoamor, Victoria Kent, Margarita Nelken e Dolores Ibárruri, ou Federica Montseny, ministra xa na Guerra, demostrarían que as aptitudes políticas non van aparelladas a ningún xénero. Así o evidenciarían tamén as boirenses Manuela del Río e Brígida Muñiz, que loitaron contra os prexuízos dun entorno rural, reaccionario e sempre a remolque dos avances. Manuela, que nacera en 1890 no seo dunha familia de ricos propietarios agrícolas, herdaría do seu finado tío Francisco del Río, ademais da vocación polo ensino e a escola do Rexidor, unha formación moi superior á media. Concienciada da necesidade dun cambio decidido na sociedade, cando se proclama a II República vaise vencellar á reivindicativa Sociedad Agraria La Fraternidad . Ademais de ser asidua en conferencias e mitins, nos anos 1932 e 1933 vai escribir no semanario socialista La Lucha, nun intento de abrirlles os ollos aos interesados en saberen dos manexos e vicios das vellas clases dirixentes.A unión, único camiñoNa Fraternidad , Manuela coincidirá con Brígida Muñiz, unha labradora de Triñáns convencida, ao igual que ela, de que a unión era o único camiño para que obreiros e labregos conseguisen mellorar as súas miserentas condicións de vida. Brígida vai destacar como unha muller de coraxe, belixerante contra as arbitrariedades do poder e tamén como persoa xenerosa e solidaria.O seu compromiso vaina levar a formar parte da corporación municipal que, a partir de marzo do 36, integrarían galeguistas, socialistas e republicanos de esquerda, converténdose na primeira concelleira na historia do municipio. Pero a Guerra Civil suporía a prematura creba deste goberno, e un período de desmedida represión contra os esquerdistas. Con todo, Manuela del Río non sufriría malleiras ou vexacións, aínda que si o seu marido, que pasaría varios meses en prisión. En cambio, Brígida Muñiz -«la marido de su esposo», como pexorativamente a cualifica Silva Ferreiro na súa sectaria obra Galicia y el Movimiento nacional (1938)- sufriría o asañamento dos novos garantes da orde pública, xenuinamente representados por Falange Española . Na retina dalgúns boirenses aínda permanece gravada a súa imaxe, maltreita, coa cabeza rapada e as siglas UHP (¡Uníos, Hermanos Proletarios!) pintadas na fronte, e forzada a percorrer Boiro ao son dun tambor. Ademais, como concelleira, faríana responsable subsidiaria da desaparición de fondos municipais, atribuída ao alcalde Virel na súa apurada saída de Boiro. Sabéndose inocente, Brígida litigará coas novas autoridades ata o momento da súa morte, nunha mañá de febreiro de 1939. Manuela e Brígida integran o selecto grupo de mulleres que, ademais de nais e traballadoras, foron pioneiras, cada unha ao seu xeito, da participación feminina na vida política, nun tempo e un lugar onde, malia as reformas legais, as mentalidades seguían obstinadamente ancoradas no pasado. Co seu compromiso, as dúas contribuíron a dignificaren a condición social das mulleres, reivindicándolles un lugar como protagonistas de pleno dereito da vida pública.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos

O compromiso de dúas pioneiras