Retrato emocional do mito

Camilo Franco SANTIAGO

BARBANZA

Cineuropa | «Allende»

18 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

?s mitos son inocentes, quen os manipula non. Hai documentalismo de tese e hai documentalismo atrapado polos mitos e que, polo tanto, entra nun espazo ficcional baseado na realidade, na realidade de quen mira, no seu particular imaxinario. No caso desta haxiografía de Patricio Guzmán sobre Salvador Allende é evidente o traslado do imaxinario particular do director aos espectadores. É documentalismo sentimental o que fai Guzmán, engrandecedor, mitómano. Ten razón o director chileno en que para alimentar mitos é mellor alimentar o mito de Allende que o de Kennedy, por poñer un caso coñecido. É mellor inclinarse ante o exemplo do presidente chileno que inclinarse ante un presidente calquera e acabar identificado con Urdaci. Pero un dos problemas dos mitos, á hora de documentalos, é que teñen unha dimensión non científica e por ela entra toda a especulación, as querencias, as apostas e mesmo as interpretacións particulares. En algún sentido, o Allende que exhibe Guzmán é o Allende do director. Hai algo do apunte autobiográfico de Guzmán no inicio do filme que acaba disperso por toda a película. Chama a atención o pouco que fala o propio Allende na película e o pouco esclarecedoras que parecen as súas palabras para explicar as claves da súa vida. En realidade, o director buscou o retrato indirecto, e non a reconstrucción da vida de Allende a través dos documentos existentes. Por eso o resultado é un retrato emotivo, emocional, emocionado, pero a emoción que ten a película procede por partes iguais da vida do presidente e das ganas do director. Tamén é verdade que a emoción do director non esconde en absoluto a idea última que manexa o documental: un dos valores fundamentais da política é a rectitude do proceder e ir mantendo os ideais contra as mareas das influencias, dos intereses e da banca: Allende o fixo mentres puido e ben merece ser un mito. Director. Patricio Guzmán. Xénero. Documental. Duración. 100 minutos. Nacionalidade. Europa-México. Estrea. 2004.