«Témome que a crise do 'Prestige' non vai influír nada nos resultados»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

BARBANZA

Entrevista | Juan Jesús Ares González

09 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

?segura que dende que forma parte do executivo de Boiro apenas lle queda tempo libre, pero a Juan Jesús Ares non lle importaría ocupar un escano no Congreso dos Deputados. De ser así, o seu principal obxectivo sería poñer enriba da mesa os problemas que ten a bisbarra barbancesa. -Un dos principais para min é a situación da sanidade, un sector ó que o PP sempre tratou de sacarlle rendabilidade. No Hospital da Barbanza, especialidades como a de xinecoloxía teñen unha lista de espera superior a un ano, algo inadmisible. É necesario dotar ós centros sanitarios de máis medios e persoal. -¿Que peso pode ter un barbancés en Madrid para esixir estas cuestións? -Oxalá sacaramos cinco para poder demostralo. Non dubidaría á hora de propoñer cuestións que afectaran a esta zona, como farei de tódolos xeitos ante o grupo socialista para que as defenda por min no Congreso. -Un dos sectores no que incide nos seus mitins é o do mar, ¿cre que está pasando un mal momento? -Nesta zona si. O que non pode ser é que as rías sigan a ser o paradeiro dos vequidos industriais e das augas fecais, xa que están a mermar o seu nivel de producción. Todos os grupos políticos deberiamos comprometernos para sanealas, xa que son unha importante fonte de riqueza. -¿O desastre do «Prestige» vaise notar nos resultados electorais? -Creo que os galegos aínda non teñen concencia da repercusión desa catástrofe. Querennos tapar a boca con diñeiro, pero os cartos non son suficientes. O fuel segue no fondo do mar e, aínda que pasaron moitos meses, segue sen haber unha solución. -¿Pensa entón que o PP pagará nas urnas o descontento que amosou a poboación mentres o fuel impregnaba as costas? -Témome que a crise do Prestige non vai influír nada nos resultados electorais. Os galegos temos un corazón capaz de perdoalo todo. No meu caso, eu non esquezo nin perdono politicamente o que ocorreu. -¿Como definiría a Zapatero? -Como un home moderno, que trasmite confianza e, sobre todo, con boa disposición a dialogar. É unha persoa que non crispa á sociedade e que non pón ao cidadán entre a espada e a parede. O PSOE é un partido integrador, no que hai discrepancias, e iso é o enriquecedor.