Os gañadores do rali de Noia repartiranse 1.200 euros

Sara Ares CORRESPONSAL | NOIA

BARBANZA

C. QUEIJEIRO

O Concello regalará viaxes a Madrid ós mellores disfraces infantís As inscripcións para participar poden facerse na casa da cultura noiesa

20 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O programa do Concello de Noia para o entroido mantén as liñas básicas de anos anteriores. Tres son as actividades que se potencian nesta edición: o certame infantil de disfraces, o Rali París-Dakar e o tradicional enterro da sardiña. Para a carreira de coches sen motor, a organización estableceu tres premios que suman, no seu conxunto, 1.200 euros. O gañador recibirá 600 euros mentres que o segundo e o terceiro clasificados levarán, respectivamente, 400 e 200. A competición, na que só poderán inscribirse pilotos e ocupantes maiores de dezaseis anos, partirá da praza das Américas o 4 de marzo ás oito do serán. Haberá dúas etapas: a primeira rematará na praza do Cantón e, a segunda, no palco da música da alameda. Ese mesmo martes, terá lugar no polideportivo o certame de máscaras para nenos menores de 15 anos. O concelleiro de Cultura, Lino García Novo, sinalou que concederán un premio por cada unha das tres categorías fixadas. Estas son individual, por parellas e por grupos. O galardón consiste nunha viaxe ó parque Warner Bros, en Madrid. Pero, ademais, entregará obsequios a tódolos rapaces que vaian disfrazados.