Anxo Rei Ballesteros defendeu en Ribeira o galego máis popular

F. SARASQUETA RIBEIRA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O autor ofreceu unha charla sobre a literatura O escritor afincado na Pobra Anxo Rei Ballesteros reivindicou onte no colexio O Grupo de Ribeira o valor da literatura como medio de conservación do «aroma e a sustancia» do galego popular. Engadiu que o que se fala nos medios de comunicación é como un castelán en galego, «un pouco falso e aséptico».

24 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Anxo Rei Ballesteros, un dos escritores que máis contribuiu a amplia-los horizontes da literatura autóctona nas últimas décadas -con poucas pero certeiras e xeniais xestas literarias-, estivo onte no colexio O Grupo de Ribeira para falar do seu libro de contos A sombra dos teus soños ante os alumnos do curso para adultos de perfeccionamento do galego. Neste centro aproveitou para mostrar a súa fidelidade ó galego do pobo: «Eu intento incluir nas miñas narracións a meirande cantidade posible de locucións. Interésame que non se perda o cheiro, o aroma, a sustancia, o arrecendo do galego popular, que non coincide co falado nos medios de comunicación, que soa un pouco falso e aséptico», manifestou. Na mesma liña, o escritor de Boqueixón, afincado na Pobra do Caramiñal, fixo fincapé na diferencia fundamental que existe entre noticia e narración, distinción que, ó seu xuízo, radica no valor da experiencia, na posibilidade de vivir o que se ve -e se escoita, se toca- e que lle falla á sociedade actual, segundo o filósofo alemán Walter Benjamin. Xornalismo «O xornalismo», dixo Rei Ballesteros, «non se vive, non se asimila. En cambio, a literatura leva consigo unha información que vai indefectiblemente cinguida a unha serie de emocións, a unha experiencia». Asemade, fixo alusión ó que se dixo sobre o seu conto Harley Davidson, o cal, polo visto, lle pareceu moi inverosímil a un crítico literario: «Dicía el que había nesta narración unha serie de coincidencias forzadas de máis. Sen embargo, eu considero que o criterio de verosimilitude está en crise». »O real, e iso vémolo tódolos días, é un pouco absurdo e non é verosímil de todo», manifestou o autor de Loaira na súa intervención ós alumnos.