«Deitado na Area», o tributo sentido á traxectoria do gran Andrés do Barro, desembarca hoxe en Vilanova

S. A. P; r. e. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

Carolina Rubirosa é a cantautora que deleitará coas súas interpretacións hoxe en Vilanova
Carolina Rubirosa é a cantautora que deleitará coas súas interpretacións hoxe en Vilanova MONICA IRAGO

As actuacións correrán a cargo da cantautora Carolina Rubirosa e a pianista Iria Iglesias

24 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe estréase en Vilanova de Arousa o proxecto Deitado na Area, unha serie de concertos didácticos que repasan a vida e a obra do artista galego Andrés do Barro. Ás nove da noite comezará a primeira xornada no Xardín Umbrío, a cargo do escritor Xavier Alcalá, acompañado pola cantautora Carolina Rubirosa e a pianista Iria Iglesias.

A actividade de dinamización inclúese no programa cultural FalaRedes, promovido pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta. Porén, este será o primeiro de moitos concertos, xa que só este verán están confirmadas tres datas máis: en Pontedeume, Outes e Valga. Desde a organización aínda non confirman as datas previstas para o inverno, pero aseguran que o proxecto terá continuidade.

Así arranca a primeira xornada. Carolina Rubirosa explicou que o proxecto xurdiu de maneira espontánea: «A xénese foi o Hotel Literario Vela Fisterra, onde ofrecín un concerto en 2024. Alí escoitoume Ángel Carracedo». A cantautora contou que interpretar Teño Saudade, escrita por Xavier Alcalá, foi o punto de partida de todo. Agora, a escasas horas de saír á palestra, convidan ao público a asistir ao Xardín Umbrío para gozar dunha cita cultural que mestura historia e música. «Imos intercalar cancións coa súa propia contextualización na voz do seu autor, Xavier», explicou Carolina. Ademais, a artista lembrou a importancia de abrir camiño á música galega entre as novas xeracións e de «comprender que o legado de Andrés do Barro é moi importante e debe difundirse». De feito, foi o único artista galego que conseguiu situar catro cancións como número un a nivel estatal. Por este motivo, Carolina asegura que a súa figura debe ser «máis coñecida e recoñecida».

Hoxe, ás nove da noite, dará comezo esta tempada de concertos. Os actos contarán cun repertorio de nove cancións, entre as que se atopa Teño Saudade. Coa participación de Xavier Alcalá como testemuña do legado do artista, Deitado na Area arranca co obxectivo de ofrecer ás novas xeracións unha ollada íntima sobre a vida e a traxectoria artística de Andrés do Barro.