Vilaxoán canta máis forte que nunca na celebración da súa 44.ª edición na plaza Rafael Pazos
VILANOVA DE AROUSA
O coro infantil interpretou a cantiga «A Filomena»
21 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.E por fin chegou o día máis agardado pola veciñanza de Vilaxoán. Onte, ás oito e media da tarde, celebrouse na praza Rafael Pazos a 44.ª edición do Vilaxoán Canta. Tras semanas de ensaios, a agrupación de veciños dirixida por Álvaro Cardalda saíu ás rúas para render homenaxe á historia e á memoria de quen os precederon, levando con orgullo o nome da vila.
Durante o acto, Álvaro Cardalda aproveitou a ocasión para lembrar as persoas que puxeron en marcha esta tradición. «Hai 44 anos comezaba esta historia da man de Máximo Patiño», destacou. Co acompañamento da Banda de Música Municipal de Vilanova de Arousa, o ambiente foi medrando pouco a pouco ata converter a praza nun auténtico punto de encontro.
Ao ritmo do acordeón, o festival deu comezo coa cantiga Como la nave sin rumbo, interpretada por un centenar de persoas que se viron arroupadas por un público entregado, que fixo demostración dun compromiso crecente: «Cada ano hai máis asistentes. Este ano repartimos 350 libros e non chegaron», subliña Cardalda. Na recta final, chegou a quenda dos máis pequenos, que interpretaron A Filomena, poñendo o broche de ouro a unha edición que, lonxe de decepcionar, superou as expectativas un ano máis.