Os oficios tradicionais volven esta fin de semana a Baión

La Voz VILANOVA / LA VOZ VILANOVA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

MARTINA MISER

A Santa Compaña percorrerá unha mostra que contará tamén con xogos populares, moita música e un apetitoso polbo á feira

11 jun 2025 . Actualizado a las 09:43 h.

Baión (Vilanova de Arousa) volverá converterse en escaparate do mundo rural máis xenuíno. Será cunha nova edición da Mostra de Oficios Tradicionais e Xogos Populares, a oitava, que chega, como é habitual, cargada de actividades. Será esta fin de semana, días 14 e 15 de xuño, e está organizada pola sección de voluntariado da Asociación Cultural O Castro.

No adro da igrexa despregaranse os postos dos artesáns cesteiros, carpinteiros, zoqueiros, canteiros, panadeiros, encaixe, augardenteiros, telleiros, follalateiros, alfareiros, un fotógrafo, un afiador, un zapateiro e un panadeiro que agasallará aos presentes con «bolos preñados». No recinto poderán verse instrumentos tradicionais, antigüidades e durante os dous días organizaranse xogos populares como aros, chave e bolos.

Ademais, haberá obradoiros de cestería e cerámica para os mozos e recrearanse escenas tradicionais do agro galego como a malla, ir ao toxo ou lavar no río. Tampocou faltará un posto con polbo á feira.

A inauguración da mostra será o sábado ás 13 horas coa música de Os Gatiños de Portonovo e, pola tarde, a do grupo Volandeira de Cambados. Á noite actuará a Banda do Sequío e haberá unha representación inspirada na Santa Compaña con queimada e conxuro incluídos. O domingo pola mañá actuará o grupo de danza e as pandereteiras da asociación O Castro e pola tarde será a quenda das pandereiteiras Amor Ruibal de Barro. Arosa Bay porá o broche musical pola noite. A organización habilitará un espazo para facilitar o aparcamento de balde.