
«O PSOE de Vilagarcía fai cada día máis o ridículo»
06 jun 2025 . Actualizado a las 21:01 h.Facía o mércores un día magnífico para que o PSOE de Vilagarcía se adicara a traballar polo seu concello e pola comarca do Salnés. Pero non, preferiron gastar gran parte dos seus folgos e da súa xornada en criticar, así, de súpeto, á Deputación de Pontevedra e, por suposto, ao Partido Popular. E a verdade é que lamentámolo polos veciños de Vilagarcía, ou non, porque case é mellor que estean quietiños, e que amosen así abertamente a súa desesperación ante unha Deputación que, agora si, é de todas e de todos.
O partido liderado por Alberto Varela, que nin sequera deu a cara na súa crítica, tal e como fai cando anda polas rúas, escondeuse detrás da figura do concelleiro Álvaro Carou, baixo a denominación dun cargo socialista designado no recente «exitoso» e «multitudinario» congreso provincial do PSOE, para lanzar a pedra e agochar a súa man.
E da súa crítica só podemos extraer dúas cousas: que o ridículo segue cada día máis presente na política socialista en Vilagarcía, O Salnés e a nosa provincia, e ao que din os cidadáns en cada elección nos remitimos, e que láianse de que o sectarismo e a acritude do anterior goberno provincial de Carmela Silva fora desbotado polos cidadáns nas eleccións municipais de 2023.
Ao PSOE de Vilagarcía non lle gusta que o presidente, Luis López, sorría e a verdade é que estamos ante unha crítica de primeiro nivel. Calquera día dirán que non lles gusta que viva nese concello. Tampouco lle gusta que acuda aos actos a sacarse a foto e aí teñen razón porque a Alberto Varela só o coñecemos por referencias escritas, nunca sae en ningunha.
Lamentan que se convoquen ás distintas asociacións veciñais, e supoñemos que tampouco lles gusta que destinemos a cifra récord de 5 millóns de euros para as súas actividades e locais sociais cando o infausto bipartito provincial as deixou completamente abandonadas e sen un euro en oito anos.
Pero aparte de criticar esta acción política transversal, global, moderna, transformadora e que atende, escoita e entende a todas e a todas, non como sucedeu co anterior goberno provincial, tamén fala de deslealdade institucional, e faino sen poñerse vermello.
Co actual presidente Luis López, co actual goberno do PP, todas e todos as alcaldesas e alcaldes foron, son e serán recibidos, absolutamente todos, os 61 da provincia. Desafortunadamente, Carmela Silva non pode dicir o mesmo. De feito, case unha decena de alcaldes socialistas posicionáronse publicamente, no anterior mandato, contra as políticas da presidenta e lle reclamaron máis apoio.
Por elo, mellor lle tería sido aos socialistas de Vilagarcía ter aproveitado o día para traballar polo seu concello, desde o goberno que desempeñan malia perder as eleccións, polo que aconsellaríalles que escriban menos e traballen máis polos veciños, porque no que vai de mandato todos os investimentos na terceira cidade da provincia chegaron da Xunta ou da Deputación.
En definitiva, con esta actitude semellan máis a oposición que o goberno local, quizais polo complexo que lles quedou tras perder as eleccións de 2023, e tamén non se entende que se preocupen máis polos demais alcaldes da provincia que polas relacións cos seus socios e polo máis importante, os veciños de Vilagarcía.
E remato apostillándolles que a Deputación non volveu a ningún pasado escuro que os socialistas desterraron. Máis ben, foron os pontevedreses os que desterraron ao PSOE do organismo provincial para que esta casa abrise as súas portas a todos e entrase a claridade que se perdera durante oito anos.