A Cofradía convértese nun recinto de festival para celebrar tres anos de vida

CARLOS CRESPO VILAGARCÍA

VILANOVA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Ortiga, Familia Caamagno, Kings of the Beach ou Los Pontiaks pasarán esta fin de semana por Vilanova

20 sep 2024 . Actualizado a las 17:04 h.

Non o tiñan nada doado os impulsores do proxecto da taberna cultural A Cofradía (Xocas García, Nolo Chazo, David Piñeiro e David Dios) cando o botaron andar. Falamos de setembro do 2021, aínda coa resaca e as restricións da pandemia moi presentes. Falamos de Vilanova, un lugar que non é que se caracterizase precisamente polo seu dinamismo na escena musical alternativa. E falamos de crear unha sala de concertos, os espazos que máis están a padecer as consecuencias da proliferación de festivais e da brutal inflación que padece o sector.

Pero o caso é que en só tres anos A Cofradía converteuse nunha referencia incuestionable da música en directo, non só na comarca senón no conxunto de Galicia. Polo escenario do local vilanovés teñen pasado moitos dos grandes nomes da música galega que hoxe asoman nas cabeceiras dos carteis dos festivais (The Rapants, Rebeliom do Inframundo, Boyanka Kostova, Ortiga, Ruxe Ruxe...) e outros chegados de máis alá do Padornelo, como Jorge Explosión, Donovan Keith ou Mike Ross, por citar algúns.

Pero máis alá da nómina de convidados, que supera os 150 nestes tres anos, A Cofradía foi quen de se converter en punto de encontro —por non dicir nun oasis ou nun refuxio— para xente do máis diverso, en aglutinador de inquietudes, en xerador de sinerxías en torno á música e á cultura en xeral. Un local polivalente e de longo percorrido nunha contorna privilexiada. Memorables son os solpores dende a súa terraza.

A Cofradía celebra esta fin de semana o seu terceiro aniversario montando pouco menos que un festival. Aproveitando as rúas e a praza que a rodean, A Cofradía vai acoutar un espazo de 1.500 metros cadrados á beira do mar no que se situarán o escenario, a cabina dos dj's, as barras e as foodtrucks.

A programación musical arrinca ás sete da tarde do venres cunha sesión a cargo de Duendeneta Dillei. Ás dez da noite actuará o trío vigués de garage desenfreado Kings of the Beach. Unha hora despois, será Ortiga quen suba ao escenario. A primeira xornada rematará cunha sesión de Dj Maefield a partir das 00.30 horas.

O programa do sábado confórmase con Muchachos DJ Set (19 horas), Los Pontiaks (22 horas), Familia Caamagno (23.30 horas), Eme DJ (00.30 horas) e DJ Pomboloko (3 horas).

Todos os concertos e todas as sesións de Dj's son gratuítas.