Inti Núñez e Erica Oubiña protagonizan o terceiro almorzo de emprendedoras

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

24 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés foi esta mañá o escenario do terceiro Almorzo de Emprendedoras, unha iniciativa organizada polo Centro de Información á Muller da entidade supramunicipal e a consultoría Red Talento. Foi a oportunidade idónea para demostrar que as mulleres teñen moito que dicir no mundo empresarial e para compartir un caso de éxito e experiencias motivacionais.

Dúas deseñadoras arousás, Inti Núñez e Erica Oubiña, foron as protagonistas deste encontro no que se deron a coñecer as prácticas da súa empresa IK. STUDIO, con produtos nos museos máis importantes a nivel nacional e internacional. Máis en concreto, as súas creacións están incluídas na gama de produtos do MoMA Design Store e a tenda museo do Guggenheim Bilbao.

Tal e como se deu a coñecer no almorzo, o IK. STUDIO se centra no deseño e produción de chuvasqueiros elaborados a base de plástico reciclado recollido no mar, cun enfoque artístico e sofisticado. O obxectivo das emprendedoras é posicionarse no ránking dos dez mellores museos do mundo.

No evento tamén interviñeron Ana Balsa, axente de emprego e desenvolvemento local da Mancomunidade do Salnés; Mariña Varela e Laura Seara. Tamén asistiron representantes das diferentes asociacións da comarca e dos concellos de Cambados, Meis, Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa.