Abanca e Consorcio do Comercio do Salnés asinan un novo convenio de colaboración

La Voz VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

Cedida

O acordo favorece o crédito, a dixitalización dos negocios e os servizos que facilitan o pago das compras

22 sep 2023 . Actualizado a las 16:38 h.

Abanca e o Consorcio do Comercio do Salnés veñen de asinar un novo acordo de colaboración para favorecer o acceso ao crédito, a dixitalización dos negocios e os servizos que facilitan o pago das compras. O convenio contempla alternativas de financiamento oficial a través dos acordos que o banco mantén con diversos organismos públicos; ademais, os comerciantes do Salnés poderán contratar pólizas de crédito, anticipos, liñas de desconto comercial ou avais segundo as súas necesidades; poderán igualmente gozar das vantaxes do Programa Servizos Abanca, que permite deixar de pagar polo mantemento de contas ou tarxetas, transferencias, ingreso de cheques e outros servizos.

De maneira adicional, o convenio contempla que o banco facilite a contratación de medios de pago como TPV (tanto físicos como virtuais) e ofrece un desconto do 20 % na creación dunha tenda online, grazas ao acordo da entidade coa empresa Palbin. Por último, os comerciantes da comarca poderán acceder a unha atención personalizada en materia de seguros, así como ás últimas ferramentas a distancia do banco, como o servizo Appúntame, que lles facilitará a xestión sinxela de calquera tipo de cotas, domiciliacións e subscricións para eles mesmos e os seus clientes.

O novo texto foi asinado esta mañá en Vilanova polo coordinador de convenios da territorial de Abanca en Pontevedra, José Liñeira, e a presidenta do Consorcio do Comercio do Salnés, Esther Prado. Na firma tamén estivo presente o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán. O acordo, segundo destacaron os asinantes, «ten presente a complexa situación económica actual, moi marcada pola subida de prezos e a inflación», segundo informa a Consorcio.