Vilanova-Stratford

Benito Leiro, Cronista oficial de Vilanova VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O obxectivo principal de difundir a figura e a obra de Valle Inclán está conseguido

14 jul 2023 . Actualizado a las 15:13 h.

A primeira vez que oín falar do Festivalle foi nunha xuntanza á que me convidaron no pazo de Vista Real. Estabamos a punto de saír da pandemia e no vello solar dos señores Martínez de Orense xuntáronse directivos de Amigos de Valle Inclán, como José María Paz Gago, José Luis Méndez Romeu, Alicia Padín e Francisco Charlín co alcalde, Gonzalo Durán, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Íase organizar unha función de Rafael Álvarez El Brujo que levaba por título El alma de Valle Inclán, pero aínda quedaban varios cabos por atar para tentar poñer en marcha unha semana de teatro dedicada á obra de Valle.

A idea parecía perfecta porque sería un paso transcendental no obxectivo de converter Vilanova na shakesperiana Stratford hispano-galega. A min parecíame que existía unha intención moi saudable de sacar adiante o proxecto, pero temín que puidera quedar nun de tantos experimentos que se estancan por falta de apoios. Había un argumento para o optimismo: as institucións culturais non deberían negarlle financiamento a un certame teatral en Vilanova, pois sería tanto como negárllelo a Valle, figura cimeira da dramaturxia española.

El Brujo abreu o camiño a un acontecemento que nin a alma de Valle Inclán podía fantasear. Tres anos despois daquela xuntanza en Vista Real vemos pasar polo auditorio as mellores compañías representando obras teatrais do xenio do Cuadrante. Esta semana, concretamente, subiron ó escenario todas as representacións que se estrearon en Galicia e en España enteira. Pedro Casablanc, co seu Valle Inclán, segundo Gómez de la Serna acapara este ano premios incontestables; Morfeo teatro quixo pechar aquí a súa xira anual e El Brujo volveu impregnar a atmosfera de maxia escénica. Aínda falta a Testa do Bautista dunha Escola Superior de Arte Dramático que se apunta de grande gusto a este festival.

Vilanova non presume de nada, somos os vilanoveses quen presumimos de Vilanova. Os Amigos de Valle, xunto co concello e consellería poden alardear de que, en dous anos, o Festivalle está consolidado. Sempre quedarán aspectos por mellorar, como o de realizar algún espectáculo ó aire libre ou repetir algunha función para que ninguén se quede sen desfrutala. Pero o obxectivo principal de difundir a figura e a obra de Valle Inclán está conseguido.

O soño de que Vilanova sexa a Strattford española non semella xa tan quimérico. Tampouco hai que obsesionarse con paralelismos shakesperianos. O caso é que O Salnés quere teatro, os nosos visitantes queren teatro tal como se demostra función tras función co auditorio repleto. E Vilanova quere, merece ser a sede do valleinclanismo universal que un día soñara Torrente Ballester.