O PXOM que se contratou polo goberno municipal resultou errado debido aos informes desfavorables de varios departamentos da Xunta de Galicia
24 mar 2023 . Actualizado a las 09:55 h.Hai 20 anos iniciábase un proceso para dotar de normas a ordenación urbanística en Vilanova de Arousa que acabase coa política urbanística de «ti vai facendo». O PXOM que se contratou polo goberno municipal resultou errado debido aos informes desfavorables de varios departamentos da Xunta de Galicia, por incluír algunhas normas que estaban absolutamente fóra da realidade urbanística de Vilanova. Tanto é así que se recibiron máis de 500 reclamacións ao borrador do PXOM. Despois de varios intentos, o grupo de goberno desiste de continuar coa tramitación, non accedendo ás recomendacións da Xunta, e así chegamos á realidade actual, onde apréciase o que pode chegar a ocasionar a falta dun proxecto, dun plan de ordenación nun Concello como Vilanova de Arousa.
En primeiro lugar habería que ter presente que o proxecto do PXOM foi tido en conta, aínda que estaba aínda en tramitación, para o deseño da concentración parcelaria en Baión, e iso conlevou que numerosas parcelas que o PXOM prevía urbanizables, quedasen eliminadas da concentración, causándolle prexuízos a non poucas persoas quedando os seus predios encravados entre o núcleo rural e as fincas de parcelaria o que significa que parte destas parcelas van quedar abandonadas a causa da falta de accesos.
En segundo lugar, e tamén na mesma parroquia de Baión, construíuse quizais una das maiores chapuzas xamais vista, «a estrada a ningunha parte», que é no que transformaron o Camiño francés que discorría amablemente bordeando o río Umia. Unha estrada que non ten entrada, quedando nun limbo no cruzamento de Pontearnelas, e que tampouco ten saída á estrada de Vilagarcía a Pontevedra. En ambos os casos a estrada a ningunha parte remata en leiras privadas con visos de ter unha moi mala solución.
E en terceiro lugar, a falta dun elemento de regulación ocasionou que non se previu algún nivel de protección ou ordenación dunhas zonas que outrora foran o orgullo de Vilanova, como é a zona de O Terrón, actualmente case absolutamente desprovisto de árbores. Unha zona sen orde nin concerto que rematará con ese pulmón próximo ao mar que adornaba o litoral vilanovés, así como a praia de As Sinas, quizais das máis bonitas de toda a ría e que actualmente se converteu nunha chea de estruturas que afean unha contorna privilexiada.
É hora de tomarse en serio a xestión urbanística deste Concello, tanto o relativo ao rural, coas concentracións parcelarias pendentes, como a ordenación do litoral, xa que ademais, tanto unha como outra son as principais fontes económicas dos seus veciños e veciñas. Precísase ademais unha política urbanística que se preocupe da xestión das augas, tanto das que van ao mar como aos ríos, que é moi deficiente poñendo en grave risco o futuro económico deste pobo.