Sobre a enseada do Esteiro

María Vales, candidata do PSdeG-PSOE en Vilanova VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

MARTINA MISER

Vales solicita maior protección para esta zona marisqueira

17 mar 2023 . Actualizado a las 10:18 h.

Hai uns días a través dos medios de comunicación, tivemos coñecemento de que a enseada de Vilanova, O Esteiro, se acaba de incorporar ao catálogo de zonas húmidas de Galicia. Trátase dun espazo delicado no que se debe promover a conservación e o uso racional do ecosistema que proporciona unha gran fonte de recursos e constitúe, ademais, un valioso patrimonio natural.

Conta cunha extensión de 52,25 hectáreas. No ano 1986, cun goberno socialista no Concello de Vilanova, un equipo multidisciplinar, elaborou un ambicioso «Proxecto para o Esteiro», que buscaba o saneamento da enseada, a fin de obter a máxima calidade nos produtos que se cultivan na mesma e que posteriormente se comercializan.

Na actualidade, e dende hai xa lustros, dende o Concello de Vilanova, non existe apoio nin preocupación algunha no tema. A rede de sumidoiros funciona de maneira irregular, como se ten coñecido por informes emitidos pola empresa concesionaria do servizo de augas municipal,... síntomas do abandono neste aspecto polo grupo de goberno actual.

Eu mesma, e como muller traballadora, dedicada toda a miña vida ó traballo no mar, véxome moi comprometida con este tema e o meu interese que unha zona de tanta riqueza e biodiversidade como esta sexa explotada na súa xusta medida e contando con todas as medidas de seguridade que a normativa alimentaria contemple.

A miña experiencia como patroa maior da Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa, durante oito anos, concédeme os coñecementos necesarios para encamiñar a xestión dos espazos marítimos, buscando un empuxe para o modo de vida de toda a xente para a que este entorno supón o seu medio de vida.

O meu compromiso é rotundo co saneamento desta zona marisqueira; estivo catalogada como zona C con restricións para o consumo humano, posteriormente pasou a zona B con menos restricións, pero con obrigación de pasar por depuración antes do consumo. Na actualidade, lonxe de mellorar se atopa máis cercana a regresar a zona C.

A inclusión no catálogo de zonas húmidas de Galicia debera representar un compromiso claro co saneamento definitivo e integral, co obxectivo de que toda a enseada alcance o nivel de zona A, na que se poidan recoller os bivalvos para o consumo directo, o que significaría unha gran riqueza para as familias que viven do mar.